Josefa Salgado tomou posesión como nova decana da Facultade de Física da USC

Nun acto presidido pola reitora Rosa M. Crujeiras asegurou que “non debemos esperar a que o futuro chegue ás nosas aulas, debemos contribuír a construír ese futuro”
toma-posesion-josefa-salgado-fisica
17 Sep 2026

A profesora Josefa Salagado Carballo xa é a nova decana da Facultade de Física da USC logo de tomar posesión do seu cargo este xoves 17 nun acto institucional presidido pola reitora Rosa M. Crujeiras. “Seguiremos traballando para avanzar e consolidar o acadado, para atraer talento feminino ás nosas aulas e aos nosos departamentos”, destacou a profesora Salgado no seu discurso. “Non debemos esperar a que o futuro chegue ás nosas aulas, debemos contribuír a construír ese futuro”, engadiu.

A necesidade de manter un diálogo aberto e constante foi o eixo sobre o que a reitora artellou o seu discurso. Os centros, dixo, “son os que mellor coñecen a súa realidade. Por iso as súas necesidades teñen que formar parte dun diálogo permanente coa institución. Dende a Reitoría debemos escoitar, coñecer esas necesidades e establecer prioridades. E temos por diante un traballo de planificación que nos permita atender primeiro aquilo que é máis necesario e aquilo que ten maior impacto sobre a actividade universitaria”. A reitora expresou o seu desexo de que esta sexa “unha etapa para seguir facendo crecer a Facultade de Física, para reforzar o seu papel dentro da Universidade e para que o coñecemento que aquí se produce siga contribuíndo a comprender mellor o mundo e a transformalo”.

A nova decana dedicou boa parte da súa intervención a definir as múltiples facianas dunha disciplina como a Física. “Cando falamos da importancia da Física na Universidade, non estamos falando unicamente dunha disciplina académica; estamos falando do intento de comprender o mundo de forma rigorosa para contribuír á resolución dos problemas da sociedade; de formar persoas capaces de formular preguntas difíciles de resolver, quizais imposibles neste momento; de interpretar datos; de construír modelos que reflictan a nosa realidade; e de distinguir entre evidencias e opinións sen máis”, sinalou.

Con todo, a xuízo da profesora Salgado, non se percibe aínda “a amplitude dos perfís profesionais aos que pode acceder unha persoa graduada en Física”. Neste senso, a nova decana anunciou un futuro plan de difusión e divulgación “das nosas competencias e capacidades, e tamén do coñecemento que somos capaces de xerar”. Nesta mesma liña e coincidindo co 40 aniversario da sede da Facultade de Física, “imos preparar un programa de conferencias, mesas redondas, con participación de persoas egresadas desta facultade que nos conten a súa experiencia profesional e que lles achegou ter pasado por este centro”.

Entre os retos actuais, a decana detívose na modificación do grao de Física e na necesidade de actualizar as infraestruturas do centro xa que “necesitamos espazos acondicionados, adaptados, que favorezan a colaboración, a interdisciplinariedade e a interacción entre estudantes e profesorado”. Ademais, tamén reservou oco na súa intervención para poñer o foco no desafío que supón a IA. “A intelixencia artificial non esixe simplemente incorporar novas ferramentas, senón revisar que queremos que aprendan os nosos estudantes, como debemos avaliar esa aprendizaxe e que experiencias debemos preservar, reforzar e, mesmo, cales debemos abandonar”, afirmou. Para a decana, “é preciso que a Universidade sexa un actor protagonista nesta transformación se queremos seguir sendo un axente fundamental na transformación da sociedade e motor da transmisión e xeración do coñecemento”, concluíu.

Decana saínte

A profesora Elena López Lago despediuse logo de oito anos á fronte do decanato, “un servizo que desempeñei con total lealdade á Universidade, ao centro e á súa comunidade.” A profesora López tivo palabras de agradecemento para as persoas que a acompañaron durante este periplo “xa que foron moitos e satisfactorios os logros individuais e institucionais acadados tanto en docencia como en investigación, transferencia e divulgación”. Con todo, Elena López Lago definiu como “insuficientes”, os avances en renovación de persoal e infraestruturas, entre outros aspectos.

Josefa Salgado Carballo, natural de Verín (Ourense) é catedrática do departamento de Física Aplicada e membro do grupo de investigación NaFoMAT (Nanomateriais, Fotónica e Materia Branda). Foi secretaria (2010-2014) e directora (2014-2023) do departamento de Física Aplicada, e secretaria do Instituto de Materiais (iMATUS). Ten recoñecidos cinco sexenios de investigación e cinco quinquenios docentes.

A súa traxectoria docente comezou na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Na actualidade a maior parte da docencia que imparte corresponde ao grao en Física. Foi titora de máis de 35 Traballos Fin de Grao (TFG), Traballos Fin de Mestrado (TFM) e proxectos fin de carreira. Dirixiu catro teses de doutoramento, a última no marco do programa de doutoramento industrial da Xunta de Galicia, en colaboración coa empresa ABCR-Laboratorios, e actualmente dirixe outras dúas. Ademais, organizou numerosos encontros científicos estatais e internacionais, así como escolas e cursos de verán.

A súa principal liña de investigación céntrase no estudo de novos materiais baseados en líquidos iónicos confinados en matrices poliméricas para o seu uso como electrólitos en dispositivos flexibles de almacenamento de enerxía. É coautora de máis de 100 publicacións científicas, de máis de 200 contribucións a congresos e participou en máis de 35 proxectos de investigación e convenios con empresas e institucións.

O novo equipo decanal está integrado por Silvia Barbosa Fernández e Xesús Prieto Blanco (vicedecanos) e Héctor Álvarez Pol (secretario).

0.41490602493286