Joseph Keckler inaugura o Sinsal Primavera con concerto no MARCO

Sinsal Primavera, o ciclo de concertos organizado por Sinsalaudio co apoio do Concello de Vigo, inicia a súa nova edición este martes, 15 de abril, cun concerto moi especial: o debut en España do artista estadounidense Joseph Keckler, que actuará ás 20.30 horas no Salón de Actos do MARCO.
Coa súa voz operística e unha presenza escénica que rompe moldes, Keckler foi definido polo The New York Times como “un talento extraordinario que rompe as barreiras convencionais”. O artista chega a Vigo tras actuar no festival Tremor das Azores, e ofrecerá un directo provocador e inesquecíbel, no que fusiona baladas, grooves e arias autobiográficas cun estilo teatral e irreverente.
O ciclo Sinsal Primavera, promovido por Sinsalaudio (organizadores do festival Sinsal SON Estrella Galicia) coa colaboración do Museo de Arte Contemporánea de Vigo e da Sala Radar, ofrece cada ano unha programación que se afasta dos circuítos convencionais, apostando por propostas singulares e artistas internacionais que nunca actuaran antes no Estado.
Tras a actuación de Keckler, o ciclo continúa coa banda inglesa Chemtrails o mércores 30 de abril, e co grupo belga Bombataz o sábado 3 de maio, ambas citas na Sala Radar. As entradas están dispoñíbeis na web de Sinsal, con desconto por compra anticipada.