Karem Saa, a xogadora de Sarria que leva o fútbol sala no sangue, inicia unha nova etapa en Portugal

Aos 18 anos, a deportista acumula títulos nacionais e afronta un novo reto no fútbol sala portugués, coa ambición de seguir medrando e coa Selección Portuguesa no horizonte
Karem-Saa-Sarria-futbol-sala
1 Nov 2026

Jessica Fernández

O fútbol sala forma parte da vida de Karem Saa desde que era unha nena. A xogadora sarriá, de apenas 18 anos, leva practicamente toda a súa vida ligada a este deporte, no que xa conseguiu importantes éxitos e agora comeza unha nova etapa en Portugal.

Cunha traxectoria marcada polo traballo, o compromiso e o apoio da súa familia, a deportista afronta este novo desafío coa ilusión de continuar progresando e de chegar o máis lonxe posible nunha paixón que, como ela mesma recoñece, é moito máis ca un deporte.

A súa historia comezou nos Meigallos, o equipo no que deu os primeiros pasos con só cinco anos e no que permaneceu ata a categoría infantil, arredor dos dez anos, cando aínda podía competir nun equipo mixto. Aquela primeira etapa foi fundamental para construír os alicerces dunha carreira que non deixou de medrar. Despois incorporouse ao Adarve, un equipo feminino de Lugo no que xogou durante dous anos, antes de fichar polo Castro de Ribeiras de Lea, onde permaneceu catro tempadas.

Tras esa etapa, Karem decidiu facer unha pausa de oito meses para coller folgos. Unha vez rematada a tempada, chegou o momento de buscar novos retos e trasladouse a Ourense, onde competiu catro anos no equipo Cidade das Burgas, dos cales dous foron en Segunda División Nacional. Este curso tiña previsto continuar na categoría co equipo de fútbol sala de Arnoia, pero xurdiu unha oportunidade diferente: incorporarse a un conxunto feminino portugués que milita en Preferente, o GD Boticas, unha categoría inferior, pero cun proxecto que aspira a ascender á Segunda Nacional nun futuro.

O cambio supón un novo paso na súa carreira e unha oportunidade para seguir medrando nun deporte no que xa deixou pegada. No seu palmarés figuran títulos de campioa de España, de Copa e de Liga en categoría xuvenil, ademais dos campionatos de Liga e de Copa que conseguiu na categoría cadete.

Unha paixón que vén de familia

Se hai algo que explica a relación de Karem co fútbol sala é a súa familia. O seu pai e varios dos seus familiares, especialmente o seu tío materno, tamén xogaron a este deporte, unha influencia que a acompañou desde pequena e que contribuíu a que atopase nel a súa vocación.

Por iso, a etapa nos Meigallos ocupa un lugar especial nos seus recordos. Foi alí onde comezou a practicar un deporte que hoxe considera inseparable da súa vida e onde se asentaron as bases dunha traxectoria que a levou a competir en diferentes equipos e categorías.

No terreo de xogo, Karem destaca pola rapidez, a técnica e a explosividade, cualidades que lle permiten adaptarse a distintas posicións. Pero, por riba do brillo individual, ela reivindica o valor do grupo e a importancia de ser unha boa compañeira. "A min gústame máis ser compañeira que lucirme a nivel individual, aínda que son capaz de moverme en calquera posición, son universal", explica.

A súa prioridade nesta nova etapa é contribuír ao crecemento do equipo e axudar a que poida alcanzar o obxectivo do ascenso á Segunda Nacional. A nivel persoal, tamén ten unha meta que lle gustaría cumprir no futuro: "Gustaríame competir coa Selección Portuguesa", declara.

O esforzo dunha familia detrás de cada partido

A traxectoria de Karem non se entende sen o esforzo que hai detrás de cada adestramento, cada desprazamento e cada competición. A súa nai, Jeny, coñece ben os sacrificios que implica acompañar unha carreira deportiva desde a infancia e considera que o apoio familiar é esencial para que unha moza poida chegar a este nivel.

"Non hai pobo en Galicia e en España que non percorrésemos os fins de semana", lembra. Nos últimos tres anos, os desprazamentos a Ourense convertéronse nunha constante, con viaxes ata catro días á semana. Na etapa no Castro, a familia acudía diariamente aos adestramentos, ademais de acompañala nas fins de semana de partido.

Agora, o escenario cambia e Karem vivirá en Portugal para continuar coa súa carreira deportiva. Un paso que tamén supón unha nova adaptación para a familia, despois de anos de dedicación, tempo e investimento económico para que puidese seguir xogando. "Agora vai vivir ela en Portugal, pero houbo un proceso no que tivemos que investir tempo e moito diñeiro para que puidera xogar", sostén Jeny.

Ese esforzo prolongado é unha das razóns polas que a xogadora e a súa familia lamentan a falta de recoñecemento institucional que, segundo denuncian, recibiron por parte do Concello de Sarria. A nai asegura que a deportista nunca foi recibida polo goberno local, nin sequera despois de proclamarse campioa de España.

"Aínda que xogase nun equipo que non era do concello, as xogadoras de Castro, que moitas tampouco eran dese concello, foron recibidas polas autoridades dos seus respectivos municipios e foron recoñecidas", explica.

Jeny relata que chegou a falar co alcalde, Claudio Garrido, para pedirlle que recibise a súa filla e recoñecese os seus logros. Segundo conta, volveu solicitalo cando Karem regresou co título e a medalla de campioa de España, pero a resposta foi que o recoñecemento se faría na Gala do Deporte, unha celebración que, segundo indica, deixou de organizarse en 2022.

A nai da xogadora destaca, pola contra, o interese mostrado por Carmen José López, voceira do PP, que foi, segundo sinala, a única que se interesou por recibir a Karem e recoñecer a súa traxectoria deportiva.

O fútbol sala como sentido da vida

Malia os sacrificios que acompañan o deporte de competición, Karem ten claro que quere seguir dedicándose ao fútbol sala. A súa nova aventura en Portugal é un paso máis nun camiño que espera prolongar durante moitos anos, primeiro coa intención de probar a experiencia na liga portuguesa e, máis adiante, coa ilusión de chegar á Primeira Nacional española.

A súa ambición é continuar avanzando mentres o corpo e as circunstancias llo permitan, sen perder a esencia que a acompañou desde nena: gozar do xogo e sentirse parte dun equipo.

"É a miña vida. Levo desde sempre dedicándome ao fútbol sala, gústame moito, desfruto e ademais teño a carga familiar de que, ao ser meu pai e toda a miña familia xogadores de fútbol sala, eu sinto que é algo que vén desde sempre, desde antes de que nacín, e é o que teño que facer, o sentido da miña vida", afirma.

Con só 18 anos, Karem Saa abre así unha nova páxina da súa historia deportiva. Faino cun palmarés que xa avala o seu talento, cunha familia que leva anos acompañándoa en cada paso e coa ilusión de seguir medrando nun deporte que sente como propio. Portugal será agora o escenario no que tratará de continuar construíndo o seu futuro, coa mirada posta en novos retos e coa mesma paixón coa que comezou a xogar cando só tiña cinco anos.

 

0.67788219451904