La Xunta confía en lograr en 2026 la declaración de la Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial de la Unesco

O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, participou no III Simposio Internacional de Patrimonio Cultural ICOMOS-España, celebrado en Valladolid, onde subliñou que a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial pola Unesco en 2026 suporía un “xusto recoñecemento ao valor cultural excepcional e único deste territorio”.
Miramontes lembrou que a candidatura Ribeira Sacra: Paisaxe da auga xa foi admitida polo Comité Mundial da Unesco e destacou que Galicia cumpre “rigorosamente cos trámites, documentación e tempos esixidos”. Neste intre, o proceso atópase na recta final, que inclúe a visita ao territorio de consultores da Unesco no mes de outubro, paso clave antes da decisión definitiva prevista para o segundo semestre de 2026.
“O proceso estivo acompañado de boas sensacións desde o principio, o que nos fai confiar na consecución da distinción”, afirmou, incidindo en que se trata dunha candidatura “madura e sólida” que contou co respaldo do Goberno central, das institucións locais e da cidadanía dos 26 concellos de Lugo e Ourense implicados.
A Xunta iniciou esta folla de ruta en 2017 e, desde entón, investiu preto de 8 millóns de euros na conservación e posta en valor de máis de 40 bens patrimoniais, con máis de 90 actuacións en igrexas, mosteiros, museos, castros e xacementos romanos.
A candidatura céntrase en atributos únicos como os canóns e vales fluviais, o patrimonio hidráulico e as infraestruturas históricas vinculadas á auga —muíños, centrais ou saltos—, configurando un territorio singular que representa un uso innovador da auga na configuración da paisaxe.