Laia Abril, Brais Revaldería e Guillermo Galoe completan a programación de Curtocircuíto

O Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto, organizado polo Concello de Santiago de Compostela, celebrarase entre o 1 e o 6 de xullo cunha proposta curatorial que sae ás prazas e rúas e prioriza o intercambio entre a comunidade creadora e a veciñanza. Completan a programación os últimos proxectos dos cineastas galegos Brais Revaldería e Guillermo Galoe e a fotógrafa Laia Abril, Premio Nacional de Fotografía 2023.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, destacou que se trata dunha “programación que insiste na accesibilidade do cinema como acto colectivo e dereito cultural”. Pola súa banda, a deputada de Cultura, Natividade González, salientou a importancia do festival para avanzar na creación contemporánea e ofrecer propostas diversas ao público.
Entre as actividades destacan encontros con Lucile Hadžihalilović, Oliver Laxe, Kangding Ray, Lois Patiño, Irene Escolar e outros nomes da escena contemporánea. Tamén haberá proxeccións especiais, espectáculos audiovisuais en directo e seccións competitivas como Planeta GZ, Supernova e Cosmos.
Brais Revaldería presentará unha sesión expandida sobre Fillos do vento, estreada en Cannes, sobre a tradición da rapa das bestas. Laia Abril mostrará o seu traballo On Mass Hysteria, que continúa o ciclo documental A History of Misogyny. Guillermo Galoe ofrecerá un encontro sobre o proceso de rodaxe de Ciudad sin sueño, desenvolvido durante cinco anos na Cañada Real.
O Cineclube de Compostela colaborará con Curtocircuíto para recuperar o patrimonio audiovisual galego dos anos 80 e 90. As entradas e abonos están xa dispoñibles na web de Compostela Cultura e nos puntos habituais.