Lara Méndez acusa á Xunta de "fraude" nas políticas de control do xabaril

A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Lara Méndez, advertiu hoxe que o goberno galego emprega recursos públicos “de forma medio fraudulenta” ao manter políticas de control da poboación do xabaril sabendo que son ineficaces. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei para reclamar un Plan integral de xestión e control e un sistema galego de monitorización desta especie que o PP rexeitou.
A responsable socialista criticou que o goberno galego non faga “nada” por mudar as medidas para o control do xabaril “sendo conscientes de que non son efectivas”, limitándose a unha “política newtoniana de acción – reacción” na que falta prevención, planificación e xestión. Advertiu que logo de anos de ter detectado o problema repítense os danos nas explotacións agrícolas, os accidentes viarios e as incidencias nas zonas urbanas.
Como mostra da falla de resultados, lembrou que levan recorrendo á emerxencia cinexética dende o ano 2019, sen que a medida servira para frear a multiplicación destes mamíferos, ata o punto de que tiveron que estendela este ano a toda Galicia. Advertiu que o feito de que teñan rexistradas 8.900 capturas “é un dato, pero por si mesmo non é un indicador de éxito”, xa que non vai acompañado da redución do risco sanitario ou das incidencias nas explotacións e nas estradas.
Lara Méndez reclamou un Plan integral que inclúa protocolos, o reforzo da vixilancia, medidas de bioseguridade, axudas suficientes correspondentes ao dano real, compensacións para o sector primario e que “non todo recaia na caza como única vía de solución ao problema” logo de constatar que se está a demostrar insuficiente.