Lara Méndez acusa á Xunta de ser ineficaz con la redución do desperdicio alimentario

A deputada socialista criticou a falta de medidas concretas e unha estratexia “insuficiente” por parte do Goberno de Rueda, que “non debera conformarse con repartir tuppers reutilizables”
lara-mendez
20 Jun 2026

A portavoz socialista de agricultura, Lara Méndez, reclamoulle hoxe á Xunta medidas máis ambiciosas que as que está a desenvolver para reducir o desperdicio alimentario. “Non debera conformarse con repartir tuppers reutilizables”, dixo en comisión parlamentaria en referencia a unha das escasas iniciativas que o Goberno de Rueda foi capaz de poñer en marcha dentro dunha estratexia que cualificou de “insuficiente”.

Méndez lamentou que o PP votase en novembro pasado en contra dunha iniciativa do grupo do PSdeG que marcaba o camiño para acadar o obxectivo de redución do 50 % do desperdicio alimentario para o 2030. “Cando faltan menos de cinco anos para cumprir os obxectivos da Unión Europea, a Administración autonómica admite que estamos lonxe de cumprir”, advertiu para censurar a falta de apoio dos populares á proposta.

A parlamentaria socialista criticou, ademais, que o PP alegase, para votar non, “que xa estaban levando a cabo moitas das medidas que formulabamos”, cando, tal como se está demostrando, “era mentira”. De feito, Rueda aínda anunciou este mesmo mes unha estratexia para abordar o problema, recollendo iniciativas xa incluídas nas propostas do PSdeG. Entre elas, a realización de enquisas para ter un diagnóstico, “cousa que nós xa pedimos, pero eramos máis ambiciosos porque reclamabamos que fose un inventario e en toda a cadea de distribución, hostalería e fogares, utilizando a metodoloxía da UE”, asegurou.

Por outra banda, a Xunta avanza que realizará campañas de sensibilización, formación e concienciación, “algo que xa lle reclamabamos naquela iniciativa e con máis ambición, como que se estendesen a toda a cadea de produción”.

Lara Méndez recriminoulles aos populares que, naquel anuncio, Rueda confirmou que a estratexia aínda se empezará a elaborar agora, “e que as accións que recolla se van desenvolver a curto, medio e longo prazo”. O resumo é que “non hai nada concreto”, afirmou.

“O PP minte e non é capaz de dicir que si a unha iniciativa do PSdeG”, remarcou a deputada socialista, que insistiu nunha serie de medidas concretas para reducir o desperdicio alimentario: a realización do antedito inventario “usando a metodoloxía da UE”, a elaboración dunha guía e un protocolo para reducir os riscos para as persoas doadoras de alimentos, campañas de información e formación destinadas á cadea de produción e aos consumidores e, finalmente, o establecemento dunha liña d axudas para investimentos en conservación e almacenamento para os produtores.

0.31483793258667