Lara Méndez advirte de que a nova Lei de Administración Local “nace morta” se non garante o financiamento dos concellos

A secretaria de Organización do PSdeG critica que o anteproxecto se presente sen diálogo cos concellos nin garantías de recursos para prestar os servizos públicos
Lara Mendez
10 Feb 2026

A secretaria de Organización do PSdeG e deputada do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, advertiu de que o anteproxecto da nova Lei de Administración Local de Galicia “nace morta” se non garante os recursos necesarios para que os concellos poidan prestar os servizos públicos.

Méndez sinalou que se trata dunha norma “clave para o futuro das próximas décadas”, chamada a substituír a lei vixente desde 1997, e que debería servir para clarificar o mapa financeiro, competencial e de responsabilidades das administracións locais.

A dirixente socialista denunciou que, na actualidade, os concellos “sofren un saqueo constante dos seus fondos públicos por parte da Xunta”, que cada ano lles impón novas obrigas sen consenso nin financiamento estable, ás que se suman as competencias impropias que levan anos asumindo cos seus propios recursos.

Lembrou que esta situación é consecuencia de ter paralizado os gobernos de Feijóo e de Rueda o desenvolvemento do Pacto Local acadado en 2006 polo Executivo presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, co obxectivo de avanzar nun financiamento estable das administracións locais.

Segundo datos achegados pola propia Fegamp, o impacto deste “saqueo” alcanza os 700 millóns de euros anuais, o que se traduce en déficits estruturais nos orzamentos municipais, menor capacidade para impulsar políticas propias, aumento da desigualdade territorial e deterioro da calidade dos servizos públicos.

Méndez explicou que cada euro que os concellos destinan ao Servizo de Axuda no Fogar, competencia da Xunta, é un euro que deixa de investirse en melloras en rúas, parques, iluminación, vivenda, deporte ou cultura.

A secretaria de Organización do PSdeG cualificou o anteproxecto presentado pola Xunta como “unha lei estrutural que vai marcar o funcionamento dos concellos durante décadas”, pero criticou que o proceso se iniciase “sen diálogo previo cos concellos, sen un balance real das súas necesidades e sen explicacións sobre os cambios organizativos que introduce”.

Advertiu ademais de que o propio texto recoñece que o Pacto Local leva máis dunha década paralizado, sen concretar nin as competencias propias nin o financiamento das impropias. “Se non se garanten os recursos necesarios para prestar os servizos públicos, a lei nace morta”, insistiu.

Méndez lembrou que os alcaldes e alcaldesas socialistas gobernan para máis do 50 % da poboación galega e teñen “moito que dicir” nunha lei que afectará directamente á vida diaria da cidadanía. “E cando un galego ou galega pensa nun bo alcalde ou alcaldesa, sempre pensa nun rexedor do Partido Socialista”, afirmou.

Por último, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que non despache este asunto “cunha simple nota de prensa”, que a lei non se aprobe “pola porta de atrás” e que non se impoña “o rodillo da maioría parlamentaria” nunha cuestión clave para o futuro da administración local en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.29228496551514