Lara Méndez destaca a importancia de lembrar o pasado no acto de constitución da Fundación do Panteón

A viceportavoz socialista sinala que “se non lembramos o que fomos, estamos abocados a repetir os mesmos erros”, no acto fundacional do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.
Lara Mendez
14 Apr 2025

A viceportavoz segunda do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, subliñou esta mañá a importancia institucional da constitución da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, nun acto celebrado no convento de San Domingos de Bonaval.

“Hoxe estamos ante un día que ten xa a súa páxina na memoria colectiva de Galicia”, afirmou Méndez, quen lembrou que este fito culmina un proceso iniciado hai case tres lustros, cando Ramón Villares, daquela presidente do Consello da Cultura Galega, propuxo a creación dun patronato e o impulso dunha lei que agora se converte en realidade. Un logro que foi posible grazas ao consenso dos tres grupos parlamentarios.

A parlamentaria socialista destacou o legado de figuras como Castelao ou Rosalía de Castro, “que co seu compromiso e co seu traballo dignificaron a nosa lingua, nun momento no que o galego afronta serios retos e precisa ser defendido como parte esencial da nosa identidade e da nosa cultura”.

Tamén sinalou a transcendencia da fundación “cando vemos como o Partido Popular tenta, moitas veces, reinventar o pasado ao seu antollo”, polo que insistiu na necesidade de preservar a memoria e o legado común de Galicia. “Se non lembramos o que fomos, estamos abocados a repetir os mesmos erros”, advertiu.

“É un día satisfactorio, para celebrar e, sobre todo, para recoñecer o que nos une como pobo”, concluíu Méndez.

⚙ Configurar cookies
0.11054706573486