Lara Méndez destaca Ribeira de Piquín como exemplo contra o despoboamento

A secretaria de Organización do PSdeG enxalzou os proxectos impulsados polo Concello de Ribeira de Piquín, como a recuperación da piscifactoría ou o polígono agroecolóxico, como modelo a seguir noutros municipios rurais.
Lara Mendez
21 Apr 2025

A secretaria de Organización do PSdeG e deputada autonómica, Lara Méndez, cualificou de “exemplo para os pequenos concellos” as medidas postas en marcha polo alcalde socialista de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, co obxectivo de fixar poboación e dinamizar o rural. Así o manifestou durante unha xornada de transferencia de boas prácticas con alcaldes e alcaldesas de Asturias, organizada para dar a coñecer as iniciativas do municipio lucense.

Méndez destacou proxectos como a reactivación da piscifactoría de Santalla, onde se crían troitas a través da Fundación Municipal Terreo e coa colaboración da Deputación de Lugo; a posta en marcha da explotación de porco celta mediante o Grupo Operativo Forescelta; o polígono agroecolóxico de Montefurado, centrado no cultivo de kiwis; ou a recuperación da antiga gasolineira municipal.

A socialista valorou tamén o labor social realizado xunto á ONG Rescate, que acolleu persoas refuxiadas nun programa de atención humanitaria, e criticou os atrancos administrativos que dificultan o desenvolvemento de proxectos no rural: “A Xunta, que debería dar facilidades, pon impedimentos”, lamentou, instando ao Goberno galego a asumir as súas competencias e apoiar ás administracións locais.

Pola súa parte, o alcalde Roberto Fernández Rico incidiu en que “a Administración pública debe intervir nas actividades económicas nos lugares menos habitados” para crear emprego, prestar servizos básicos e evitar o despoboamento. Recalcou que en Ribeira de Piquín a estratexia non é teórica, senón práctica, e que seguirán traballando para dar unha nova vida a instalacións en desuso.

A xornada contou coa participación de representantes municipais de Castropol, Vegadeo, San Tirso de Abres, Santa Eulalia de Oscos, Villanueva de Oscos, San Martín de Oscos, Illano, Pesoz e Grandas de Salime, pertencentes á Reserva da Biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón, da que tamén forma parte Ribeira de Piquín.

⚙ Configurar cookies
0.10652685165405