Lara Méndez: “É indecente que Rueda negue datos sobre o cancro por interese político”

A viceportavoz socialista acusa ao presidente da Xunta de antepoñer a estratexia de Feijóo á saúde das persoas e lembra que Galicia xa se levantou doutras catro mesas de diálogo co Goberno
Lara mendez
28 Oct 2025

A viceportavoz do PSdeG, Lara Méndez, critica con dureza ao presidente da Xunta por romper o diálogo coa mesa de coordinación de cribados oncolóxicos e acusa o PP de ocultar información sanitaria por motivos partidarios. Lembra que Galicia xa abandonou tamén as mesas de Débeda, Menores Migrantes, Vivenda e Clima.

A viceportavoz segunda do Grupo Parlamentario Socialista e secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, cualificou este luns de “indecente” a decisión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de negar e ocultar datos sobre os programas de cribado oncolóxico en Galicia “por interese político”.

Méndez comezou a súa rolda de prensa condenando o ataque ao monumento dedicado a Juan Vidal, alcalde de Arzúa fusilado, un feito que definiu como “inadmisible e propio doutros tempos que deberan estar superados”.

A continuación, centrou a súa intervención na política sanitaria, acusando ao PP de romper o diálogo coa mesa estatal de coordinación dos programas de detección precoz do cancro. “Primeiro ocultan os datos, despois rompen o diálogo. E todo por un único motivo: porque antepoñen a confrontación política á saúde das persoas”, afirmou.

A dirixente socialista advertiu de que non existe acceso público nin actualizado aos tempos de espera nin á cobertura real dos cribados, o que impide comprobar se Galicia cumpre cos estándares de calidade e equidade. “O PP pode tentar disfrazalo de normalidade, pero oculta información e bloquea recursos, sabendo que por culpa dese bloqueo quedaron sen aprobar dous millóns de euros destinados ao cribado de cancro de mama”, asegurou.

Para Méndez, esta actitude é “unha decisión política consciente” e, simplemente, “indecente”. Tamén acusou a Rueda de “xogar coa preocupación e coa confianza da cidadanía” e de converter Galicia “nun instrumento da estratexia partidaria de Feijóo”. “Rueda e Feijóo non entenden a sanidade pública como un dereito, senón como unha ferramenta de confrontación”, engadiu.

A viceportavoz recordou que esta non é a primeira vez que Galicia abandona un espazo de cooperación co Goberno central. “Xa o fixeron coa condonación da débeda, coa acollida de menores migrantes, coa vivenda, co clima e agora cos cribados de cancro”, enumerou.

Méndez advertiu de que esta é unha “estratexia sistemática” e que “Rueda antepón os intereses do PP aos de Galicia, mesmo cando iso supón perder fondos, oportunidades e dereitos”.

Finalmente, lembrou que o PP tamén rexeitou participar no Plan Estatal de Vivenda, “mentres miles de mozos e mozas seguen sen poder emanciparse e máis de 22.000 familias permanecen en lista de agarda”. No ámbito ambiental, criticou a ausencia de Galicia na Cumbre do Clima, tras “a peor vaga de incendios das últimas décadas”.

“Feijóo, ou Ayuso, xa non sabemos, manda; e Rueda obedece, mesmo cando Galicia necesita cooperación, non abandono”, concluíu Méndez.

⚙ Configurar cookies
0.31089615821838