Lara Méndez esixe á Xunta unha comisión do leite que sexa "útil e resolutiva" e denuncia que o PP intenta silencialos

A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, defendeu hoxe, tras a Xunta de Portavoces, unha comisión de estudo sobre o prezo do leite “eficaz, eficiente e resolutiva”, que non se quede no titular dun día e que remate cun ditame de conclusións que se leven realmente á práctica. A Xunta de Portavoces aprobou convocar unha sesión extraordinaria da comisión para o vindeiro martes 28 de xullo, ás 10:30 horas, coa comparecencia de Unións Agrarias como punto único.
Méndez, que exerce como secretaria desta comisión, subliñou a urxencia: os contratos do leite renóvanse en agosto e cada semana que pasa xógase con prezos que están afogando as explotacións galegas. “Chegamos xustos de tempo, e por iso é imprescindible traballar con seriedade e sen máis atrasos. Os gandeiros teñen que estar no centro do debate, e deste traballo teñen que saír medidas útiles, non máis palabras”, resumiu.
A socialista lembrou que a comisión foi propiciada por Unións Agrarias e que contou co apoio unánime dos grupos. Aínda que o PSdeG non comparte a présa coa que o PP fixa a data, posicionouse a favor de que se constitúa e reclamou que o primeiro comparecente sexa o propio sindicato. Advertiu, iso si, de que faltan informes e documentación para traballar con garantías, e puxo enriba da mesa os antecedentes: aquel acordo no que o PSdeG apoiou resolucións do PP sobre o sector e que, case unha década despois, non se materializou en nada. “Estamos a vivir hoxe as consecuencias da inacción destes últimos anos”, sinalou.
Méndez trasladou o malestar do Grupo Socialista polo calendario do período de sesións de setembro a decembro, que, denunciou, volve recortar a capacidade do PSdeG de exercer a sesión de control ao presidente da Xunta. Cuestionou que “por once minutos”, e habendo precedentes no propio Parlamento de que todos os grupos tiveran o seu espazo e a súa voz, se intente “ningunear e silenciar” á oposición desde o Partido Popular, neste caso “coa conivencia do Bloque Nacionalista Galego”. “Seguiremos reivindicando o noso dereito a facer control e fiscalización”, advertiu.
Na mesma Xunta de Portavoces acordouse o calendario de plenos de setembro a decembro -en martes e mércores cada quincena, co 16 de novembro reservado para Orzamentos- e asignáronse a comisión dous proxectos de lei remitidos pola Xunta: o de educación dixital de Galicia e o de medidas integrais contra o acoso e a violencia dixital. Ambos iniciaron xa o prazo de emendas, ás que o Grupo Socialista acudirá con propostas.
A socialista foi especialmente contundente co que cualificou de dobre criterio no uso dos espazos da Cámara. Explicou que o Grupo Socialista solicitou empregar a biblioteca do Parlamento para gravar un vídeo e recibiu unha negativa; poucos días despois, o Partido Popular difundiu un vídeo gravado polo seu voceiro nese mesmo espazo. “Dá a sensación de que o Parlamento de Galicia é un espazo privativo do PP, que pode usar calquera recuncho mentres ao resto dos grupos nolo negan”, denunciou.
Méndez matizou que o PSdeG non está en contra de empregar os espazos públicos para comunicar a acción política, entendendo que os medios e as redes son hoxe unha vía rápida e próxima para chegar á cidadanía. O que non comparte é que existan criterios distintos segundo o grupo que faga a solicitude.
A viceportavoz do Grupo Parlamentario Socialista inició a rolda de prensa lamentando o falecemento de Javier López Iglesias, secretario de Organización de Unións Agrarias, e enviando un agarimoso saúdo a súa familia e ao sindicato.