Lara Méndez esixe al PP que actúe dende a Xunta para frear a invasión da velutina

Acusa aos populares de rexeitar no Parlamento as demandas do sector da apicultura logo de tres lustros de loita contra a vespa
VELUTINA xenerica
6 Nov 2026

A portavoz de Agricultura do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Lara Méndez, esixiulle hoxe ao PP “que actúe” dende a Xunta para frear a “invasión incontrolada” da vespa velutina e protexer ao sector agrícola dunha especie que está a poñer contra as cordas o ecosistema. Méndez levou á Comisión de Agricultura unha proposta coas demandas dos apicultores que o PP rexeitou.

Méndez criticou que logo de quince anos da chegada da especie a Galicia, a invasión vai a máis e o goberno galego destina “os mesmos cartos para máis explotacións, polo que destina menos recursos para máis invasión” da vespa asiática por cada persoa que se dedica á apicultura. Alertou de que o impacto da especie transcende este sector e afecta directamente ao sector vitivinícola, froiteiro e ao gando, ademais do perigo que supón a súa extensión ás zonas poboadas.

Censurou a despreocupación do PP polo “deterioro silencioso do ecosistema”, que se está “desmoronando” pola invasión da especie, ata o punto de que neste momento os particulares son os que teñen que sufragar a retirada dos niños.

Levou á Comisión as demandas que os colectivos de apicultores puxeron enriba da mesa nun encontro a inicios de outubro, no que reclamaron investigación científica pública para frear á especie, así como compensacións económicas polos sobrecustes provocados pola loita contra a especie. Reclaman que o goberno galego poña o Plan Estreatéxico de Prevención ao servizo do sector e que garantan a retirada dos niños sen custe para a cidadanía e máis recursos para Seaga.

Tamén reclaman medidas de apoio específicas para o sector apícola, cun etiquetado transparente que dea conta da trazabilidade do produto, e a constitución da Mesa Permanente da Apicultura Galega e do Comité Galego de Coordinación no que participen Seaga, Protección Civil, os bombeiros e tódolos implicados na retirada dos niños. Ademais, reclaman vencellar a apicultura á PAC coa revisión do Plan Apícola Autonómico.

0.39311385154724