Lara Méndez esixe que comece a traballar a Comisión do Leite de cara á renovación dos contratos de agosto

A viceportavoz socialista advirte que a caída do prezo obriga a aprobar canto antes o plan de traballo e apoiar ao sector antes da negociación coa industria
lara-mendez
11 Jun 2026

A viceportavoz segunda do Grupo Socialista, Lara Méndez, reclamou hoxe que a comisión de estudo sobre a situación do sector lácteo "non se dilate" e comece a traballar canto antes, despois da súa constitución formal no Parlamento de Galicia.

Méndez advertiu de que o calendario é determinante, porque os contratos entre as explotacións e a industria se renovan no mes de agosto e o sector chega a esa negociación nun contexto de caída do prezo do leite. "Agosto está á volta da esquina. Esta comisión non pode perder semanas en trámites mentres os gandeiros e as gandeiras se preparan para unha negociación que vai marcar a viabilidade de moitas explotacións", sinalou.

A deputada explicou que na próxima reunión deberán aprobarse as normas de funcionamento e o plan de traballo da comisión, pero insistiu en que ese paso debe facerse "con axilidade e con sentido práctico". Para Méndez, o órgano parlamentario debe servir para escoitar canto antes ás organizacións agrarias, ás cooperativas, á industria, á distribución e aos expertos que poidan achegar propostas concretas sobre a formación dos prezos, os custos de produción e o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria.

"O que está en xogo non é un debate abstracto. Estamos falando de prezos, de contratos e da capacidade das explotacións galegas para seguir abertas", afirmou. Nese sentido, lembrou que Galicia é a principal produtora de leite do Estado, pero segue sufrindo unha situación na que o seu peso produtivo non se corresponde co prezo que perciben os produtores.

Sinalou que o Grupo Socialista afronta a comisión cunha vontade "seria, construtiva e propositiva", pero tamén advertiu de que o traballo debe chegar a tempo. "Non chega con constituír a comisión. Hai que poñela a funcionar xa, porque o sector necesita respostas antes de agosto, non despois", subliñou.

A responsable socialista de Agricultura e Gandería incidiu en que a comisión debe abordar de maneira prioritaria a situación dos contratos, a posición das explotacións dentro da cadea de valor e os mecanismos necesarios para evitar que se pague o leite por debaixo dos custos de produción. Tamén reclamou transparencia na formación dos prezos e control efectivo para que a Lei da Cadea Alimentaria se cumpra.

Méndez sinalou ademais que o traballo da comisión non pode quedar limitado á conxuntura inmediata, senón que debe servir tamén para analizar os problemas estruturais do sector, como a desaparición de explotacións, a falta de relevo xeracional e a necesidade de reforzar os servizos no rural para facer viable a vida nas comarcas produtoras.

"O leite non é só unha actividade económica. É emprego, territorio e futuro para moitas comarcas galegas", remarcou. Por iso, pediu que o Parlamento estea á altura e faga un traballo útil para o sector.

A deputada socialista insistiu en que "os gandeiros e as gandeiras necesitan que se escoite a súa realidade e que se traballe con rapidez para que a renovación dos contratos non volva deixalos na parte máis débil da cadea".

A Comisión do Leite quedou constituída este xoves presidida por Nicole Grueira e con Miguel Viso como voceiro.

0.32062792778015