Lara Méndez: “Mentres Galicia ardía, Rueda pasou de inventar tramas a minimizar a peor vaga de lumes deste século”

A voceira socialista acusa ao presidente da Xunta de insultar ás vítimas e de improvisar na xestión dos lumes, mentres o PSdeG reclama responsabilidades e políticas forestais serias.
Lara Mendez
4 Sep 2025

A voceira socialista no Parlamento de Galicia, Lara Méndez, cargou hoxe contra a xestión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a vaga de incendios que arrasou a comunidade este mes de agosto, cualificándoa como “a peor deste século”.

Méndez criticou especialmente as declaracións do mandatario, quen asegurou que “o 60% do que ardeu eran matogueiras e pedras” e que houbo “poucas casas habitadas afectadas”. Para a socialista, estas palabras son “un insulto ás vítimas que perderon vivendas, viñedos, colmeas ou o seu medio de vida”.

Segundo denunciou, o relato do PP foi “en constante fuxida”: primeiro atribuíndo os lumes a unha suposta trama incendiaria, logo culpando ao Goberno central —“malia que a UME e efectivos do Exército se despregaron de inmediato”— e finalmente minimizando a magnitude da catástrofe.

Méndez acusou a Rueda de protagonizar “un teatro” tamén nas reunións cos concellos afectados, limitándose a monólogos en lugar de ofrecer recursos e coordinación. Ademais, censurou o “uso abusivo da maioría absoluta” no Parlamento para silenciar o control da oposición.

A socialista sintetizou o modelo forestal do PP cunha frase:
👉 “En prevención: malo será que pase algo; en extinción: jesusito, jesusito, que chova rapidito”.

Tamén advertiu de que a chegada das choivas pode agravar as consecuencias, arrastrando cinzas a ríos e ao mar, sen que a Xunta conte cun plan serio para actuar.

Finalmente, Méndez referiuse á proposta do Goberno central de aliviar a débeda das comunidades, o que suporía 4.010 millóns de euros para Galicia. “Dicir que non a esa oportunidade é dicirlle que non a máis médicos, pediatras, profesores ou recursos para os concellos”, advertiu.

⚙ Configurar cookies
0.21042704582214