Lara Méndez: “Os bandazos da Xunta con Altri evidencian o que sempre dixemos, é un proxecto político, non estratéxico”

O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, reclamaralle ao presidente da Xunta que explique no Parlamento o seu apoio incondicional ao proxecto de Altri para construír unha macrocelulosa en Palas de Rei. Así o explicou a viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, en rolda de prensa tras a Xunta de Portavoces do Parlamento, onde afirmou que "os bandazos da Xunta con Altri evidencian o que sempre dixemos: é un proxecto político, non estratéxico".
Méndez criticou que a Xunta convertese o proxecto nunha "decisión política cargada de opacidade" e lembrou que os socialistas galegos "advertimos desde o primeiro momento que non se trataba só dunha cuestión técnica e medioambiental". Subliñou que o goberno galego actuou como un "axente comercial" da empresa mentres agochaba información.
A dirixente socialista sinalou que "seguimos onde sempre estivemos", e que agora "empezan todos a preocuparse polos cartos", mentres o presidente da Xunta "recolle carrete dicindo que con fondos propios case que non".
Advertiu sobre a "viabilidade económica máis que dubidosa" dun proxecto que antes de nacer xa precisa 250 millóns de euros "a fondo perdido" e que se pide "sen garantías claras de retorno nin de xeración de emprego estable". Agora, a Xunta desenténdese do compromiso económico.
Lembrou que foi a propia Xunta quen declarou o proxecto como estratéxico sen dar ningunha explicación, mentres as condicións ían cambiando sen transparencia. "O presidente da Xunta terá que responder polas dúbidas que existen e persisten sobre un proxecto que reflicte o modelo do PP de opacidade e uso irresponsable dos fondos públicos", afirmou.
Os socialistas galegos "defendemos unha política industrial baseada na eficiencia dos recursos, a innovación e a sostibilidade, e non no financiamento de proxectos sen base sólida".
Méndez tamén cuestionou a "dobre vara de medir" da Xunta con outros proxectos. "Declarouse Altri como proxecto estratéxico sen dar explicacións, hai intereses partidistas ou amiguismo con quen o impulsa?". Tamén criticou os "bandazos" do goberno galego con este proxecto, que pasou de ser unha planta téxtil na Mariña con 2.500 empregos a converterse nunha macrocelulosa en Palas de Rei con menos de 500 postos de traballo.
Finalmente, alertou sobre as "grandes dúbidas" que xera a viabilidade medioambiental do proxecto, que aínda require informes de Augas de Galicia e debe cumprir os principios da UE para preservar o territorio de impactos medioambientais. "Debe seguir o seu trámite, pero dubidamos que poida obter os fondos".
Condonación da débeda
Lara Méndez anunciou que os socialistas presentarán unha proposición non de lei para "retratar" ao presidente da Xunta e ao PP respecto da condonación da débeda, forzando unha votación "a favor ou en contra de que Galicia se acolla á condonación de 4.010 millóns de euros ofrecida polo goberno central".
O pleno da próxima semana incluirá ademais unha moción para esixirlle á Xunta que destine fondos propios ao Bono Alugueiro Mocidade, como fan outras comunidades autónomas, polo menos igualando o investimento do Estado. "Dos 13 millóns do programa, o goberno central achega 11,4 millóns, mentres que a Xunta só asignou 1,4 millóns, e nin sequera con fondos propios, senón co que sobrou da anterior convocatoria", denunciou.
Tamén se presentará unha proposición non de lei para promover boas prácticas e previr a violencia no deporte, evitando casos como a recente agresión mortal ao avó dun árbitro nun partido de balonmán cadete.
Ademais, haberá unha pregunta oral para esixir á Xunta que cumpra as sentenzas que dan a razón a Down Galicia na súa reclamación pola discriminación nas axudas para libros de texto e material escolar.
Por último, o Grupo Socialista levará ao pleno unha interpelación para esixir á Xunta a creación dun Plan Estratéxico da Dependencia, tras coñecer o último informe do Observatorio da Dependencia que revela que nos últimos 8 anos faleceron en Galicia 6.571 persoas mentres agardaban por unha resolución. Tamén se incluirán preguntas sobre o colapso nas listas de espera do Hospital da Mariña e a falta de profesorado de apoio no CPI Castro Baxoi, de Miño.