Lara Méndez reclama un novo modelo de agricultura e gandería extensiva que pare coa sangría de peches de explotacións

A portavoz socialista denuncia que o modelo “obsoleto” do PP provocou o peche da metade das explotacións en vinte anos e a desaparición de máis de 1.100 granxas de leite en só tres
lara-mendez-psdeg
5 Nov 2025

A portavoz de Agricultura e Gandería do Grupo Socialista, Lara Méndez, reclamou hoxe no Parlamento de Galicia un novo modelo de agricultura e gandería extensiva que permita revitalizar o rural galego e previr os incendios forestais. A socialista presentou unha iniciativa para defender un rural vivo e poboado, fronte ao modelo “fracasado” do Goberno de Alfonso Rueda, que cualificou de obsoleto e ineficaz, e que foi rexeitada polo PP.

Méndez advertiu de que a política agraria do PP provocou o peche da metade das explotacións en vinte anos e a desaparición de máis de 1.100 explotacións leiteiras nos últimos tres, o que supón “unha perda media dunha granxa ao día”. A esta situación engadiu a caída do 38,3 % do emprego e a desaparición dun 25 % das hectáreas agrícolas.

A deputada socialista urxiu un cambio de rumbo na xestión da Xunta e reclamou o impulso do Banco de Terras para despregar un modelo orientado á gandería de pastoreo, que —subliñou— “cumpre funcións agroambientais, contribúe á conservación da biodiversidade, vertebra o territorio e axuda a frear o despoboamento”.

Tamén defendeu medidas de apoio ao relevo xeracional e de mantemento de servizos que faciliten a incorporación da mocidade ao sector e garantan emprego e economía sostible no rural. “Non hai futuro se non hai quen traballe a terra”, afirmou.

Méndez alertou ademais de que o 72 % das persoas titulares de explotacións teñen máis de 55 anos, mentres que só o 3,5 % son menores de 35, o que evidencia a falta de substitución xeracional.

A socialista acusou o PP de “eludir medidas eficaces para frear a caída dos prezos agrarios”, o que supuxo, segundo os cálculos do grupo parlamentario, perdas anuais de 127 millóns de euros en ingresos.

Por último, lamentou que a única proposta do PP sexa “respaldar ao Partido Popular europeo, que pretende reducir un 20 % as axudas da PAC, golpeando aínda máis un sector xa en crise”.

⚙ Configurar cookies
0.24290800094604