Lara Méndez: “Se o PP fose coherente, a súa ponencia titularíase ‘programa para desmantelar dereitos e sementar odio’”

A secretaria de Organización do PSdeG advertiu da deriva “máis perigosa” do PP no seu Congreso, cun programa que “afonda no ataque á lingua, aos dereitos sociais e ás mulleres”. Criticou tamén a falta de propostas e o “modelo de trincheira” escollido por Feijóo.
Lara Mendez
4 Jul 2025

A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, advertiu esta mañá que o Congreso que o PP celebra esta fin de semana “non é un encontro político, senón unha escenificación da súa deriva máis radical”. “Se o PP fose coherente, esta ponencia titularíase ‘Programa para desmantelar dereitos e sementar odio’ —afirmou—, porque non están a escoller perfís de diálogo nin propostas para a xente, están a construír un partido parello a Vox: máis duro, máis agresivo e máis perigoso”.

Méndez sinalou que os novos nomeamentos, como Miguel Tellado ou Esther Muñoz, confirman que “Feijóo rodeouse dos que mellor se moven no lodo, porque escolleu o fango como modelo de país”. Denunciou que “non buscan acordos nin consenso, só trincheiras”, e asegurou que “o que se perfila neste congreso é todo o que Galicia non precisa: máis fango, menos dereitos e ningunha proposta útil para a xente”.

Entre os puntos máis preocupantes, destacou os “ataques á lingua, ás persoas máis vulnerables e ás mulleres”. Lamentou que o PP pretenda converter o galego nun simple mérito nas oposicións e mesmo prohibilo no Congreso, mentres “Rueda segue calado” ante os mínimos históricos no seu uso. “Isto non é neutralidade, é belixerancia contra a nosa identidade”, apuntou.

Méndez tamén criticou a “crueldade e clasismo” das políticas do PP, que “retiran dereitos a migrantes, castigan á pobreza e cuestionan as vítimas de violencia machista”, incorporando referencias ás “denuncias falsas” na súa ponencia, un fenómeno que os datos oficiais sitúan por baixo do 0,01 %.

Sobre medio ambiente, acusou os populares de negar o cambio climático e substituílo por “realismo ambiental” para xustificar un modelo “caro, inseguro e do pasado”, baseado na enerxía nuclear. E advertiu que as novas promesas fiscais agochan recortes en servizos públicos: “Xa o fixeron en Galicia: menos pediatras, menos profes e máis privilexios para quen máis ten”.

Por último, preguntouse cal será a postura de Alfonso Rueda: “Vai seguir calado mentres Feijóo leva o PP ao extremo? Galicia merece un presidente que defenda os nosos dereitos, a nosa lingua e os nosos servizos públicos. Non un delegado de Feijóo”.

⚙ Configurar cookies
0.28756999969482