Lara Meneses lembra que a mocidade pode solicitar axudas para o carné de conducir até o 25 de setembro

A directora xeral de Xuventude destacou en Beade a novidade da convocatoria, que subvenciona tamén o permiso A2 de motocicletas, con apoios de até 400 euros para coches e 150 euros para motos.
Permiso de conducir
4 Sep 2025

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe o circuíto de prácticas de Pinar do Rei, na parroquia viguesa de Beade, onde lembrou que a mocidade galega pode solicitar até o 25 de setembro as axudas da Xunta para sufragar o custo do carné de coche e motocicleta.

Nesta edición, a convocatoria incorpora como novidade o apoio ao permiso de clase A2, correspondente ás motocicletas, cunha axuda de 150 €, que se suma aos 400 € destinados ao permiso B.

Meneses salientou que o obxectivo desta liña da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é “contribuír á mellora das posibilidades da mocidade, ofrecendo un instrumento que amplía as súas competencias e currículo como elemento de profesionalización, ademais de reforzar a súa autonomía persoal”.

Requisitos

As persoas solicitantes deberán ter entre 18 e 30 anos, estar empadroadas en Galicia e non traballar por conta propia nin allea. As axudas teñen carácter retroactivo, polo que poden pedilas quen obtivese o permiso desde o 1 de outubro de 2024.

Ademais, os ingresos anuais da unidade familiar non poden superar cinco veces o IPREM anual de 2025. As axudas son acumulativas, polo que unha mesma persoa pode solicitar apoio tanto para o permiso B como para o A2.

⚙ Configurar cookies
0.15832686424255