“Lecer en Familia” volve con 3.000 prazas subvencionadas en hoteis das Rías Baixas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou a segunda edición do programa Lecer en Familia, que subvenciona con 180.000 € preto de 3.000 prazas en 12 hoteis de sete concellos da provincia para que familias con menores a cargo poidan gozar dunha fin de semana de descanso e actividades culturais a prezos accesibles.
As familias poderán reservar ata o 16 de maio prazas en establecementos de Sanxenxo, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Lalín, Baiona e Moaña. Se hai máis solicitudes que prazas, realizarase un sorteo. As estancias poderanse gozar entre outubro deste ano e marzo de 2026.
A iniciativa inclúe media pensión, dúas actividades de animación e un custo de só 30,80 € por persoa, con descontos para menores de 12 anos (15,40 €) e gratuíto para menores de dous e familias en situación de vulnerabilidade.
Tamén se entregou o premio á mellor fotografía da edición pasada, que foi para Patricia Neira pola imaxe “Guerra de Almofadas”.
Luis López destacou que “Lecer en Familia” conxuga o apoio ás familias coa dinamización do turismo en tempada baixa, e reafirmou o compromiso da Deputación co turismo sustentable e descentralizado nas Rías Baixas.