López Campos espera “seguir acompañando á mocidade” coa segunda edición do Bono Emancípate

A Xunta incrementa ata os 3 millóns de euros o orzamento do programa, cuxas bases se publicarán no DOG o luns 9 de febreiro, tras beneficiar a máis de 1.000 persoas en 2025
emancipate
6 Feb 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, manifestou o seu desexo de “seguir acompañando á mocidade nos seus proxectos de vida” coa segunda edición do Bono Emancípate, cuxa convocatoria se publicará o vindeiro luns no Diario Oficial de Galicia.

López Campos fixo estas declaracións durante unha visita, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, a unha das persoas beneficiarias da primeira edición do programa, desenvolvida en 2025, que cualificou como “un éxito”, cun total de máis de 3.700 solicitudes e axudas concedidas a máis de 1.000 mozas e mozos.

Segundo explicou, a Xunta de Galicia decidiu incrementar en un millón de euros o orzamento do Bono Emancípate, ata acadar os 3 millóns de euros, co obxectivo de apoiar a máis persoas mozas nos primeiros gastos asociados á súa emancipación, como complemento ás políticas de vivenda do Goberno galego.

As axudas están destinadas á adquisición de mobiliario, determinados electrodomésticos, artigos de decoración, menaxe de cociña, obxectos de baño ou téxtil. Durante a visita, o conselleiro coñeceu o caso dunha moza compostelá que recibiu 1.500 euros para a posta en marcha da súa vivenda en réxime de alugueiro.

López Campos sinalou que “coñecer experiencias reais como esta motívanos aínda máis para seguir traballando e mellorando esta proposta”, e subliñou o compromiso da Xunta coa mocidade, tendo en conta as dificultades actuais para acceder a unha vivenda propia.

A convocatoria do Bono Emancípate está dirixida a persoas menores de 36 anos que cumpran cos requisitos establecidos nas bases, que se publicarán o luns. As contías das axudas serán de 1.500 euros no caso de vivendas en alugueiro e de 3.000 euros para vivendas en propiedade.

Unha vez concedidas, as axudas faranse efectivas a través dunha tarxeta monedero virtual, que só poderá empregarse en comercios físicos de Galicia, co obxectivo de apoiar tamén ao comercio local.

⚙ Configurar cookies
0.31293702125549