López Campos presenta a campaña 'Para gustos, cultura' con 3.400 accións e 40 tipoloxías este verán

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou a campaña "Para gustos, cultura", unha ambiciosa programación estival con máis de 3.400 actividades culturais que se desenvolverán entre xuño e setembro en máis de 200 concellos. Acompañado do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou que se trata da programación con máis accións da historia da Xunta, cunha oferta descentralizada e diversa, en liña coa Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
A campaña inclúe accións propias do Goberno galego e outras en colaboración con administracións locais e entidades privadas. Entre elas, máis de 1.300 actividades vencelladas ás artes escénicas, música, maxia, circo e produción audiovisual, así como 43 exposicións en museos e bibliotecas. Tamén se programan máis de 400 iniciativas arredor de festivais e outras 1.800 accións de dinamización nos equipamentos culturais.
López Campos salientou que se presta especial atención ao medio rural, garantindo o acceso á cultura en todo o territorio. A campaña abrangue desde grandes eventos ata propostas de pequeno formato, con espazos para a cultura popular, a poesía oral ou o Ano Castelao. Ademais, impulsaranse programas como Cultura no Camiño, Danza 3, Falaredes, Ler Conta Moito ou as Feiras do Libro, e seguirán activas as residencias artísticas e iniciativas como A Furgoteca ou o Plan Corresponsables Cultura.