López Campos salienta a importancia de achegar a figura de Castelao ás novas xeracións

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, destacou hoxe a importancia de iniciativas que acheguen a figura de Castelao ás novas xeracións, “emblema da nosa identidade e cultura”. Fíxoo durante a presentación do libro Castelao, entre nós. 75 anos despois, celebrada no Museo do Pobo Galego, en San Domingos de Bonaval.
Durante o acto, no que tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o conselleiro puxo en valor o compromiso da Xunta coa difusión do legado de Castelao, especialmente no marco do Ano Castelao, que se conmemora neste 2025 con diversas actividades culturais e divulgativas.
A obra presentada é unha antoloxía que reúne as achegas de máis de 40 figuras das letras galegas, que reflexionan sobre a vixencia e o significado da figura de Castelao na Galicia contemporánea. Trátase dun proxecto editorial impulsado pola Consellería de Cultura que, segundo López Campos, “pon en diálogo xeracións de escritoras e escritores arredor dunha figura fundamental para entender o noso país”.