López Campos visita a rodaxe de Lobo, a nova serie de Netflix que se grava en Galicia co apoio da Xunta

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou a rodaxe de Lobo, miniserie producida por Vaca Films para Netflix, que recibe unha axuda de 300.000 euros da Xunta para a atracción de rodaxes audiovisuais.
Lobo
2 Feb 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu esta semana a unha das xornadas de rodaxe da serie Lobo na Praza do Obradoiro, unha das localizacións escollidas para esta nova produción de Vaca Films para Netflix.

A miniserie conta cunha subvención de 300.000 euros a través da convocatoria de 2025 do fondo da Xunta para a atracción de rodaxes audiovisuais, cofinanciado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.

Durante a visita, o conselleiro estivo acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e aproveitou para felicitar o equipo da produtora, encabezado por Emma Lustres e Borja Pena, así como ao vicepresidente de Netflix en España, Portugal e Turquía, Diego Ávalos.

A rodaxe de Lobo prolongarase até o mes de maio en numerosas localizacións galegas. Ademais de Santiago de Compostela, a produción pasará por escenarios do Courel, Celanova, Ribadavia, Sobrado dos Monxes ou Monfero, entre outros puntos do territorio.

Thriller psicolóxico de época

Ambientada na Galicia rural da primeira metade do século XIX, Lobo é un thriller psicolóxico que recrea en seis capítulos o caso real de Manuel Blanco Romasanta, coñecido como o “Lobishome de Allariz” e considerado o primeiro asasino en serie documentado en España. O personaxe é interpretado por Luis Tosar, que participa nun elenco no que tamén destaca Tristán Ulloa, no papel do fiscal encargado da acusación.

A serie está dirixida por Alberto Marini, quen asina o guión xunto a Juan Galiñanes, con Javier Rodríguez Delgado na codirección.

Netflix anunciou Lobo como unha das súas principais apostas, cunha estrea prevista para o vindeiro ano. Para este 2026, a plataforma tamén inclúe no seu catálogo a segunda tempada de Clanes, rodada o pasado verán en Galicia igualmente co apoio do fondo autonómico para a atracción de rodaxes.

⚙ Configurar cookies
0.29032015800476