Lores e Puentes acordan os Orzamentos de Pontevedra para 2026, os máis altos da historia, centrados na calidade de vida e o investimento nos barrios

O Concello de Pontevedra contará en 2026 cos orzamentos máis elevados da súa historia, tras o acordo asinado entre o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o portavoz do grupo municipal socialista, Iván Puentes. As contas ascenden a 103.768.000 euros, o que supón un incremento do 5,21% respecto a 2025, e estarán centradas na excelencia dos servizos públicos, a calidade de vida e o investimento nos barrios e no rural.
Fernández Lores subliñou que se trata dun orzamento expansivo grazas ao aumento da actividade económica e aos maiores ingresos do Estado, pero tamén a unha xestión municipal que permitiu reducir gastos financeiros ao manter o Concello con débeda cero. O alcalde destacou o acordo como un “exercicio de responsabilidade” e puxo en valor a capacidade de diálogo “pensando no interese xeral da veciñanza”.
O rexedor tamén criticou a ausencia de propostas por parte do Partido Popular e do seu portavoz municipal, Rafa Domínguez, aos que acusou de non achegar ningunha alternativa ao borrador orzamentario.
As grandes cifras do orzamento
A partida de persoal ascende a 29,4 millóns de euros, cun incremento do 1,99%, que permitirá reforzar o cadro municipal con novas prazas, entre elas axentes de policía, un arquitecto, persoal técnico, un enxeñeiro informático e unha traballadora social.
O capítulo de bens e servizos correntes, o máis voluminoso, suma 54,7 millóns de euros (o 52,7% do total), con aumentos destacados no contrato de residuos, no mantemento urbano e rural e no Servizo de Axuda no Fogar, que medra preto dun 28%. Pola contra, redúcese de forma significativa o gasto eléctrico grazas ao aforro derivado da implantación da iluminación LED.
O maior crecemento porcentual rexístrase nos investimentos reais, que aumentan un 24,37% ata acadar arredor de 15 millóns de euros. Entre as actuacións previstas figuran o pavillón de Monte Porreiro, o Parque da Parda, actuacións en Mollavao e Rosalía de Castro, a renaturalización do río Gafos ou a mellora da rúa Casimiro Gómez.
A valoración do PSdeG
Pola súa banda, Iván Puentes salientou que o acordo lanza unha dobre mensaxe: a capacidade de diálogo e pacto en Pontevedra fronte á “crispación política” doutros ámbitos, e a “utilidade do voto ao PSdeG” para garantir a gobernabilidade e a aprobación de orzamentos. O portavoz socialista destacou que boa parte dos investimentos previstos proceden das achegas do PSOE e que o pacto permitirá que o Concello funcione con normalidade durante todo o ano 2026.
Puentes puxo tamén o acento nos investimentos destinados aos barrios, ao rural, á mellora dos servizos públicos, á política social, á vivenda e ao desenvolvemento económico, asegurando que o acordo “redunda en beneficio de toda a veciñanza de Pontevedra”.