Lucas Blanco logra unha vitoria histórica para Picusa Academy e para o ciclismo galego

O corredor coruñés Lucas Blanco acadou este sábado unha vitoria histórica ao proclamarse vencedor da VII Clásica Araba Vitoria-Gasteiz, sétima e antepenúltima proba da Copa de España Júnior. O triunfo supón un fito para o ciclismo galego, xa que é a primeira vez que un ciclista da comunidade consegue subir ao máis alto do podio nesta prestixiosa competición estatal desde a súa creación no ano 2016.
A actuación da Picusa Academy foi sobresaliente, consolidando ademais o liderado da formación mosense na clasificación por equipos da Copa de España. O conxunto asinou unha exhibición colectiva nas estradas vascas, logrando a vitoria individual e por escuadras nunha das xornadas máis exitosas desde o nacemento do proxecto en 2024.
Lucas Blanco, que afronta a súa primeira tempada na categoría júnior, impúxose en solitario ao remate dun percorrido de case 140 quilómetros con cinco ascensións puntuables. O corredor coruñés culminou unha carreira de gran desgaste na que a escuadra galega mostrou desde os primeiros compases a súa intención de loitar polo triunfo.
Benjamin Fourie formou parte da primeira fuga importante da xornada, composta por seis corredores. Tras ser neutralizada, xurdiu unha nova escapada con oito unidades na que se integraron Lucas Blanco e Hugo Muñoz. O grupo chegou aos últimos 30 quilómetros cunha vantaxe de 45 segundos sobre o pelotón.
Coa carreira xa completamente rota, e tras a caída do líder da xeral, Darío Gimeno, a falta de 15 quilómetros para a meta destacou un trío formado por Lucas Blanco, Adrián Lizano e Eneko Ugartemendia. O ciclista galego lanzou o seu ataque definitivo na aproximación á liña de chegada, deixando atrás os seus compañeiros de escapada e cruzando a meta con 15 segundos de vantaxe sobre Lizano.
Este triunfo permitiulle estrear o seu palmarés como júnior e outorgoulle á Picusa Academy a segunda vitoria individual da súa historia na Copa de España Júnior. Ademais, a formación suma xa oito triunfos no que vai de tempada.
A destacada actuación do equipo completouse coa quinta posición de Hugo Muñoz, que entrou a 36 segundos do vencedor e ascendeu do terceiro ao segundo posto da clasificación xeral da Copa, situándose a tan só un punto do liderado. Tamén brillou o pontevedrés Marco Núñez, que finalizou na oitava posición.
A presenza de tres corredores da Picusa Academy entre os dez primeiros clasificados permitiulle ao equipo conquistar tamén a clasificación por escuadras da proba, cunha vantaxe de 1 minuto e 40 segundos sobre o MMR Academy.
Grazas a estes resultados, a estrutura con sede en Mos reforza o seu dominio na clasificación xeral por equipos da Copa de España Júnior, onde conta cunha vantaxe de case 30 puntos sobre o Alimco-Campagnolo. As dúas últimas citas puntuables do calendario celebraranse no mes de agosto, concretamente o día 9 en Peñafiel, Valladolid, e o día 12 en Moixent, Valencia.