Lugo acolle este sábado os Premios Mestre Mateo cunha gala histórica no Auditorio Fuxan Os Ventos

Lugo converterase este sábado, 21 de marzo, no epicentro do audiovisual galego coa celebración dos XXIV Premios Mestre Mateo, que terán lugar no Auditorio Fuxan Os Ventos. Trátase dunha cita sen precedentes na cidade e en Galicia, organizada pola Academia Galega do Audiovisual, que reunirá a profesionais e figuras destacadas do sector.
A gala estará presentada pola actriz Trisha Fernández e o humorista Federico Pérez, baixo a dirección de Marta Arévalo e cun guión a cargo de Óscar Cruz. O apartado musical correrá a cargo de Xabier Díaz, recoñecido músico e investigador da tradición oral galega, quen subirá ao escenario acompañado das Adufeiras cun espectáculo que revisita o cancioneiro popular desde unha visión contemporánea, situando a pandeireta e o canto como eixes centrais nun diálogo entre memoria e actualidade. O evento contará tamén coa participación especial de Mondra, unha das voces máis singulares da nova escena galega.
A partir das 19.00 horas comezará a chegada dos convidados á alfombra vermella, mentres que a gala dará comezo ás 22.00 horas.
No apartado cinematográfico, 'Antes de nós' sitúase como unha das producións destacadas, con candidaturas para Ángeles Huerta en dirección e Pepe Coira en guión, así como para Cris Iglesias e Xoán Fórneas nas interpretacións protagonistas. Nas categorías de reparto figuran como finalistas Luisa Merelas, Victoria Teijero, Adrián Ríos Rúa, Nancho Novo e o recentemente falecido Miquel Ínsua López. O filme suma ademais candidaturas en dirección de fotografía, produción, montaxe, música orixinal, son, vestiario e maquillaxe e perruquería.
Pola súa banda, 'As liñas descontinuas' acumula once candidaturas, incluídas as de dirección e guión para Anxos Fazáns e Ian de la Rosa, ademais das interpretacións protagonistas de Mara Sánchez e Adam Prieto. A produción compite tamén en diferentes categorías técnicas como produción, fotografía, montaxe, música orixinal e son.
'Sirāt', con outras once candidaturas, destaca nas categorías de dirección e guión con Oliver Laxe e Santiago Fillol, ademais dunha ampla presenza en apartados técnicos como fotografía, produción, montaxe, música orixinal, son, vestiario e maquillaxe.
Nas interpretacións protagonistas, Alba Flores opta ao premio por 'Punto Nemo', Lucía Veiga por 'Mi Ilustrísimo Amigo' e Mara Sánchez por 'As liñas descontinuas', mentres que no apartado masculino compiten Adam Prieto, Flako Estévez e Luis Tosar. Nas categorías de reparto complétanse as candidaturas con Desiré Pillado, Isabel Naveira e Tatán.
En televisión, a serie 'Weiss e Morales' figura entre as máis recoñecidas desta edición, con candidaturas en dirección, fotografía e montaxe, competindo como Mellor serie xunto a 'Bibopalula', 'O Home Perfecto' e 'Punto Nemo'. Esta última produción suma tamén nomeamentos en dirección de arte e maquillaxe.
Na categoría de Mellor programa, os finalistas son 'Cinephilia', 'Cos Pés na Terra', 'Raíña-me!' e 'O videoclub', destacando ademais Cinephilia polas súas candidaturas en comunicación e realización. Nesta última categoría compiten tamén profesionais vinculados a 'Cos Pés na Terra', 'Historias de Aquí' e 'Raíña-me!', mentres que en Mellor comunicador/a figuran Lucía Veiga, Miguel Canalejo e Xosé Ramón Gayoso.
En documental compiten '360 Curvas', 'Ao son da nova regueifa', 'Deuses de pedra' e 'O silencio herdado', mentres que nas series web as finalistas son 'Alucinema', 'Bechos', 'Contando los días' e 'Pipo'.
Nas categorías de curtametraxe, en imaxe real optan ao premio 'Abellón', 'Adeus, Berta', 'Algo novo que contar' e 'Curmán', e en animación 'Lucus', 'Nuno', 'O Corpo de Cristo' e 'O Mesmo'.
No apartado de videoclip, os traballos candidatos son 'Ferido' de Xoán Fórneas, 'Hibernarse' – O videofilme de Fillas de Cassandra', 'Non cho podo dar' de Sabela e María Escarmiento e 'Ontes fun moi malo' de Grande Amore.
Finalmente, en Mellor anuncio publicitario figuran como finalistas 'Ao Noroeste do Oeste', 'Gadis – Compartimos la vida', 'Hematofesti 2025 – Festival de Humor e Literatura Infantil' e 'Historia que nos impulsa'.
A organización destaca tamén o compromiso cun entorno seguro e libre de violencias, polo que, como en edicións anteriores, habilitarase un punto violeta atendido por persoal especializado para garantir o benestar de todas as persoas asistentes.