Lugo acollerá a gran final da I Serpe Golden League con preto de 500 mozos judocas

A cidade de Lugo converterase este sábado, 6 de xuño, no principal escenario do judo de base coa celebración da gran final da I Serpe Golden League, unha competición que reunirá preto de 500 deportistas na Casa do Deporte. O campionato nace da colaboración entre os clubs Lugokan e Lvcvs Dojo, dúas entidades de referencia no desenvolvemento desta disciplina na cidade.
A presentación oficial do evento deixou unha imaxe singular ao reunir representantes do equipo organizador, dos dous clubs promotores e do Concello de Lugo nun escenario acompañado por figuras caracterizadas como senadores romanos, soldados e castrexos. A posta en escena quixo simbolizar a unión entre o patrimonio histórico da cidade e o futuro das novas xeracións de deportistas.
A competición desenvolverase ao longo da xornada do sábado na Casa do Deporte e contará coa participación de nenos e mozos de entre 3 e 17 anos pertencentes ás categorías de formación. Ademais de clubs da provincia de Lugo, o torneo reunirá participantes procedentes doutras localidades galegas e tamén doutras comunidades autónomas.
Desde a organización destacan que a Serpe Golden League nace coa vocación de converterse nun referente do judo base, apostando non só polo aspecto competitivo, senón tamén pola transmisión de valores como o esforzo, o compañeirismo, a disciplina e o respecto.
Os promotores consideran que este tipo de iniciativas contribúen a fortalecer o deporte formativo e consolidan a Lugo como unha cidade capaz de organizar eventos de ámbito nacional, atraendo deportistas, familias e afeccionados arredor dunha disciplina cun importante crecemento entre os máis novos.