Lugo acollerá un curso sobre modelos de xestión forestal conxunta o 4 de novembro

A formación abordará os aspectos técnicos e administrativos destas agrupacións e dará a coñecer experiencias desenvolvidas no norte e sur de Galicia e en soutos de castiñeiro
edificio-delegación-Xunta-Lugo
26 Oct 2026

O Servizo de Montes e o Distrito Forestal IX Lugo-Sarria da Consellería do Medio Rural organizarán o mércores 4 de novembro en Lugo un curso sobre a xestión de agrupacións forestais de xestión conxunta. A iniciativa pretende afondar nunha ferramenta que favorece o aproveitamento ordenado e sostible do monte galego, así como a valorización e rendibilidade dos seus recursos.

A actividade desenvolverase en horario de tarde no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo. O programa combinará contidos técnico-administrativos con experiencias prácticas de agrupacións forestais en diferentes zonas da comunidade e en soutos de castiñeiro.

A xornada comezará ás 16.00 horas cunha intervención sobre os aspectos técnico-administrativos destas entidades, a cargo de Mª Carmen Paz Cornes, xefa da Sección de Organización da Propiedade da DXPOF da Xunta de Galicia.

Ás 17.00 horas, José Fernando Enjamio Gándaras, enxeñeiro forestal de SORTEGAL, explicará experiencias de agrupacións forestais de xestión conxunta no norte de Galicia.

A seguinte sesión, prevista para as 18.00 horas, centrarase na xestión conxunta dos soutos de castiñeiro. A encargada de impartila será Raquel Blanco Silva, xefa da área de soutos da DXPOF da Xunta de Galicia.

O programa pecharase ás 19.00 horas cunha exposición sobre as agrupacións forestais de xestión conxunta no sur de Galicia, a cargo de Hugo Rodríguez García, enxeñeiro forestal e director técnico de AMETLAM S.L.

0.28450489044189