Lugo aspira a converterse en sede do CESA de voleibol infantil e cadete a finais de xuño

A cidade podería reunir a preto de 3.000 persoas e superar o millón de euros de impacto económico cun dos principais eventos do voleibol base estatal
voleibol-Concello-de-Lugo
24 Feb 2026

Lugo prepara a súa candidatura para acoller a finais de xuño o Campionato de España de Seleccións Autonómicas de voleibol nas categorías infantil e cadete, coñecido como CESA, a cita máis relevante do calendario estatal no ámbito do deporte base desta disciplina.

De confirmarse as previsións habituais de participación, a competición congregaría na cidade a 76 equipos procedentes das 17 comunidades autónomas, cunha presenza estimada de arredor de 950 xogadores e xogadoras, máis de 200 integrantes dos cadros técnicos e preto de 40 árbitros. Ao longo de catro xornadas disputaríanse máis de 140 partidos. A estas cifras habería que engadir o desprazamento de acompañantes, principalmente familiares, o que elevaría o número total de persoas na cidade ata case as 3.000.

O impacto económico, tanto directo como indirecto, podería superar o millón de euros, cun efecto notable na hostalaría, no comercio local e no conxunto do sector servizos. A repercusión exterior veríase reforzada pola retransmisión en streaming dos encontros e pola cobertura en medios especializados.

O concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, mantivo unha xuntanza de traballo co presidente da Federación Galega de Voleibol e vicepresidente da Real Federación Española de Voleibol, José Ángel Luna, para avaliar as condicións das instalacións municipais propostas como sedes do torneo. Durante o encontro supervisouse a adecuación dos espazos deportivos para garantir o correcto desenvolvemento da competición.

“Non estamos ante unha candidatura improvisada. Lugo leva tempo facendo os deberes, traballando da man das federacións e demostrando que pode organizar competicións complexas con garantías técnicas e loxísticas”, sinalou Bustos, quen incidiu en que o Goberno local considera o deporte base un ámbito estratéxico, tanto polo seu valor formativo como pola súa capacidade de dinamización económica e social.

As sedes analizadas inclúen o Pavillón Municipal, que acollería as finais, o Polideportivo Municipal Casa do Deporte e o Polideportivo Municipal O Pombal. O Concello comprometeríase ademais a colaborar nos dispositivos organizativos e loxísticos necesarios para asegurar o bo funcionamento dun evento destas dimensións.

Desde a área de Deportes subliñan que esta candidatura forma parte dunha estratexia sostida que consolidou a Lugo como un referente do voleibol estatal. Nos últimos meses, o Pavillón Municipal foi escenario da Golden European League, de partidos oficiais de clasificación para o Europeo feminino e de concentracións das seleccións nacionais absolutas e de base no marco do acordo coa Real Federación Española de Voleibol.

A esta traxectoria súmanse campionatos de España organizados en anos anteriores e a presenza recorrente de equipos de máximo nivel, o que permitiu adquirir experiencia organizativa e afianzar unhas infraestruturas deportivas preparadas para afrontar citas de grande envergadura.

O voleibol ocupa así unha posición destacada no panorama deportivo lucense. A cidade conta cunha estrutura sólida encabezada polo Arenal Emevé, con equipos en categorías nacionais e unha ampla canteira, xunto a outras entidades como Xabaríns Lugo Voleibol e Club Muralla Volei, que reforzan a práctica deste deporte entre a mocidade.

Centos de nenos e nenas practican voleibol na cidade a través destas entidades, convertendo esta disciplina nunha das máis implantadas no ámbito escolar e federado. Ese traballo continuado na base é o que sustenta a aspiración de Lugo a acoller grandes competicións desde unha realidade deportiva consolidada e en crecemento.

“Todo o que fixemos ata agora forma parte dun proxecto de cidade. Lugo respira voleibol, conta cun tecido deportivo sólido e cunhas instalacións que xa demostraron estar á altura das grandes citas. Ese é o aval co que traballamos”, concluíu Jorge Bustos.

0.30167102813721