Lugo converterase na capital do barco dragón coa celebración do Campionato de España de 200 metros

Lugo converterase esta fin de semana no centro do barco dragón estatal coa celebración do Campionato de España de Barco Dragón 200 metros, unha cita deportiva que reunirá preto de 800 palistas pertencentes a 29 clubs chegados desde distintos puntos do país e que contará cun total de 15 probas.
Esta competición oficial de ámbito nacional incluirá categorías feminina, masculina, mixta, veterana e Paradragón (PD1, PD2 e PD3), unha modalidade que promove a participación de mulleres que superaron un cancro de mama e doutros colectivos vinculados ao deporte inclusivo e á recuperación da actividade física. As dúas xornadas deportivas comezarán ás 09:00 horas, mentres que a chegada das delegacións e equipos está prevista xa para o venres 3 de xullo, co obxectivo de completar os rexistros de participación, realizar probas técnicas e desenvolver os adestramentos oficiais previos ao inicio da competición.
A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e a presidenta do Club Piragüismo Cidade de Lugo, Margarita Arias González, formalizaron un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial achegará 25.000 euros para a organización do evento, converténdose así na principal administración colaboradora.
Durante a presentación, Carmela López destacou a relevancia da competición para a cidade e para a provincia, subliñando que o río Miño se converterá nun escenario de referencia para esta disciplina deportiva. Ademais, remarcou o compromiso da Deputación co deporte como ferramenta para mellorar a calidade de vida das persoas, impulsar hábitos saudables, fomentar a igualdade e contribuír ao desenvolvemento do territorio.
A presidenta provincial incidiu tamén no papel do barco dragón como espazo de recuperación e apoio para moitas mulleres que superaron un cancro de mama, ao considerar que esta práctica deportiva representa unha vía de superación persoal e un punto de encontro baseado no apoio mutuo.
Ademais do seu impacto deportivo, López sinalou que o campionato suporá unha oportunidade para a hostalería, o comercio e os pequenos negocios da provincia, xa que durante a fin de semana recibirán visitantes chegados desde diferentes puntos de España. Segundo indicou, eventos deste tipo non só xeran un importante retorno económico, senón que tamén permiten amosar o patrimonio, a gastronomía, a hospitalidade e a riqueza natural do territorio.
A responsable provincial aproveitou para agradecer o traballo desenvolvido pola organización e convidou a toda a cidadanía a achegarse a Lugo durante o sábado 4 e o domingo 5 de xullo para seguir a competición.
Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, trasladou o apoio do Goberno galego ao X Campionato de España de Barco Dragón, organizado polo Club Cidade de Lugo en colaboración coa Real Federación Española de Piragüismo. Durante o acto de presentación destacou o esforzo realizado para atraer unha competición destas características e asegurou que supón unha nova mostra do bo momento que atravesa este deporte na provincia.
O campionato disputarase nas modalidades DB12 e DB22 sobre unha distancia de 200 metros. Ademais, a Xunta mantén o seu respaldo ao piragüismo galego a través dunha achega de 484.000 euros á Federación Galega de Piragüismo mediante convenio para o desenvolvemento de actividades durante 2026, a promoción de campionatos autonómicos e o impulso da presenza de clubs e deportistas galegos nas competicións nacionais organizadas pola Federación Española.