Lugo e Ferrol reforzan a súa irmandade no Día de San Xiao

Os alcaldes destacan a mellora das comunicacións, o desenvolvemento sostible e a posta en valor dos centros históricos como retos comúns para ambas cidades
Día-da-San-Xiao-Ferrol-e-Lugo
7 Jan 2026

A celebración do Día de San Xiao, patrón de Ferrol, reuniu ás corporacións de ambas cidades nunha xornada cargada de simbolismo que subliña a súa irmandade de máis de 25 anos e os retos compartidos. Os actos comezaron coa recepción da corporación lucense no Concello de Ferrol, onde puideron saudar ás cinco persoas distinguidas coas insignias de ouro da cidade e ao título de Ferrolá do Ano, que este ano recaeu na historiadora e investigadora Esperanza Piñeiro de Miguel.

Tras a eucaristía na Concatedral de San Xiao, presidida polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, os actos trasladáronse ao Teatro Jofre para a entrega de distincións e as intervencións dos rexedores. O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, destacou a súa satisfacción por participar por primeira vez nestes actos como alcalde e por devolver a visita que a corporación ferrolá fixera a Lugo nas festas de San Froilán, sinalando que o vínculo entre Ferrol e Lugo “é cada vez máis forte, compartindo retos e obxectivos, e moita ilusión por seguir avanzando cara ao progreso”.

Fernández subliñou que os galardóns poñen en valor a investigación, a docencia, a historia e as artes como aportación ao patrimonio cultural de Ferrol e resaltou que ambos territorios comparten desafíos como a mellora das comunicacións, o crecemento sostible, a conservación dos centros históricos e o reto demográfico. Tamén incidiu na importancia dos centros históricos como motor económico, favorecendo a creación de empresas e o desenvolvemento dos sectores produtivos. Sobre o modelo de cidade, destacou un Lugo que prioriza a peonalización, a entrada en funcionamento da zona de baixas emisións e a revitalización do casco antigo, desexando que Ferrol siga un camiño similar. Ademais, expresou apoio á candidatura de Ferrol como Cidade do Porto da Ilustración para conseguir a declaración de Patrimonio Mundial da UNESCO.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, salientou a consolidación dos lazos irmáns con Lugo e destacou os fitos alcanzados en 2025, como o crecemento demográfico tras catro décadas de perda de poboación e a apertura de Ferrol ao mar, que permitiu comezar o derrubamento da muralla entre a cidade e o Arsenal militar, atendendo a unha demanda cidadá histórica.

⚙ Configurar cookies
0.27132105827332