Lugo homenaxeará a Ramos Misioné 50 anos despois da prata olímpica de Montreal

O acto celebrarase este sábado no Club Fluvial de Lugo e incluirá o traslado ata o escenario dunha réplica de 11 metros da embarcación coa que os catro piragüistas fixeron historia nos Xogos de 1976
ramos-misione-homenaxe-prata-olimpica
22 Sep 2026

O Concello de Lugo celebrará este sábado, 26 de setembro, un acto de homenaxe a Ramos Misioné, primeiro deportista lucense en conseguir unha medalla olímpica, e aos seus tres compañeiros do K4, protagonistas da medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Montreal de 1976, a primeira medalla olímpica do piragüismo español. A homenaxe terá lugar ás 12.00 horas no Club Fluvial de Lugo, coincidindo co 50 aniversario daquela fazaña deportiva.

Cinco décadas despois da conquista olímpica, Ramos Misioné volverá reunirse en Lugo con Herminio Menéndez, José Ramón López Díaz-Flor e Esteban Celorrio, os tres deportistas cos que compartiu aquela histórica embarcación. Os catro recibirán o recoñecemento do Concello nun acto que pretende poñer en valor a súa traxectoria e achegar ás novas xeracións a historia dos primeiros piragüistas olímpicos españois.

Un dos momentos máis simbólicos da xornada será a chegada ao escenario dunha réplica de 11 metros da piragua coa que o equipo conseguiu a prata en Montreal. Serán os propios Ramos Misioné, Herminio Menéndez, Díaz-Flor e Esteban Celorrio os encargados de trasladar xuntos a embarcación ata o lugar da homenaxe.

A programación comezará ás 11.30 horas coa recepción dos asistentes. Ás 12.00 horas dará comezo o acto coa chegada da réplica da piragua ao escenario. Dez minutos máis tarde, Iria Estévez, acompañada ao piano por Gonzalo Piña, interpretará ‘One Moment in Time’, canción oficial dos Xogos Olímpicos de Seúl 1988, popularizada por Whitney Houston.

Ás 12.14 horas terá lugar a benvida da mestra de cerimonias e, un minuto despois, Tito Valledor, presidente do Club Fluvial de Lugo, fará un repaso pola traxectoria e os principais méritos deportivos de Ramos Misioné. Posteriormente, ás 12.20 horas, os catro medallistas olímpicos serán chamados ao escenario para lembrar aquela histórica participación no K4 de Montreal.

A música volverá ter protagonismo ás 12.35 horas, cando Iria Estévez, novamente acompañada ao piano por Gonzalo Piña, interprete ‘A vida é bela’, de Nicola Piovani, nunha actuación dedicada aos catro gañadores da prata olímpica de Montreal 1976.

Ás 12.40 horas está prevista a participación dos deportistas olímpicos presentes no acto, que subirán ao escenario para saudar e render homenaxe aos primeiros piragüistas olímpicos españois. O momento completarase cunha fotografía de familia.

A homenaxe institucional terá lugar ás 12.50 horas. A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, fará entrega dun agasallo conmemorativo a Ramos Misioné e aos seus compañeiros daquela histórica xesta, Herminio Menéndez, José Ramón López Díaz-Flor e Esteban Celorrio. A continuación intervirá Ramos Misioné e a rexedora será a encargada de clausurar o acto.

Candia destacou o valor que ten a medalla olímpica e a importancia de recoñecer, medio século despois, o logro acadado polo deportista lucense e os seus compañeiros. A alcaldesa subliñou tamén a importancia de trasladar esta historia ás novas xeracións como exemplo de esforzo, disciplina, sacrificio e perseveranza.

O acto rematará arredor das 13.00 horas coa interpretación e o canto do Himno Galego, para o que a mestra de cerimonias convidará o público asistente a poñerse en pé. Ao remate, ofrecerase un viño galego aos participantes e asistentes.

A homenaxe servirá así para recuperar a memoria dunha das grandes fazañas do deporte lucense e do piragüismo español, coincidindo cos 50 anos da prata olímpica conquistada en Montreal polo K4 formado por Ramos Misioné, Herminio Menéndez, José Ramón López Díaz-Flor e Esteban Celorrio.

0.29922890663147