Lugo reforza a súa programación infantil na Feira Europea FETÉN de Xixón

A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo participa estes días na 35ª edición da Feira Europea de Artes Escénicas para nenos e nenas, que se celebra en Xixón e está considerada como a cita máis relevante de Europa no ámbito das artes escénicas para público infantil e familiar.
Este encontro profesional reúne cada ano compañías teatrais, produtoras, distribuidoras e responsables de programación cultural de distintos países, converténdose nun escaparate privilexiado para coñecer as últimas tendencias escénicas, intercambiar experiencias e establecer novas liñas de colaboración.
A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, sinalou que a presenza de Lugo nesta feira “resulta clave para seguir construíndo unha programación diversa, atractiva e de calidade pensada para a infancia”. Segundo explicou, FETÉN ofrece a oportunidade de descubrir espectáculos innovadores e recoñecidos que poden incorporarse á oferta cultural municipal.
Ferreiro lembrou que iniciativas como a programación estable de teatro, o San Froilán Miúdo ou o ciclo Tarde e Tardiña inclúen cada ano montaxes que pasaron previamente por FETÉN ou foron distinguidas no certame. “Isto demostra o compromiso firme de Lugo coa cultura desde idades temperás”, subliñou.