Lugo reúne a preto de 100 persoas e entidades na Gala de Recompensas e Premios 2026 do Judo

Lugo acolleu a Gala de Recompensas e Premios 2026 da Real Federación Española de Judo e Deportes Asociados, un acto no que foron distinguidas preto de 100 persoas e entidades pola súa traxectoria e contribución a este deporte. A celebración tivo lugar na Delegación Territorial da Xunta e serviu de antesala aos Campionatos de España de Judo nas categorías absoluta e de veteranos, que se disputan este sábado no Pazo dos Deportes.
O evento contou coa participación do secretario xeral para o Deporte, Roberto García, e do delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares.
O Goberno galego colaborou coas federacións galega e española para facer posible a celebración desta cita na capital lucense. A competición reunirá durante esta fin de semana máis dun milleiro de persoas entre deportistas, árbitros e organizadores, ademais dos acompañantes e afeccionados que se desprazarán ata a cidade.
Os representantes autonómicos destacaron que a celebración destes campionatos supón un importante retorno económico para Lugo e, ao mesmo tempo, permite amosar a capacidade da cidade para acoller competicións deportivas de primeiro nivel.
Entre as persoas recoñecidas na gala figuran a xudoca catalá Ai Tsunoda, actual campioa do mundo na súa categoría, que recibiu a distinción de mellor judoka feminina, e David García Torné, que compite con licenza galega e foi elixido mellor judoka masculino.
A gala tamén incluíu recoñecementos noutras modalidades deportivas integradas na federación, como o jiu-jitsu, o aikido, o kendo, o wushu e a defensa persoal.