Luis Fonsi e Diego el Cigala completan o cartel do Son do Nordés 2025

O ciclo de concertos Son do Nordés pecha o cartel da súa primeira edición coa incorporación de dúas grandes figuras internacionais: Luis Fonsi e Diego el Cigala. As súas actuacións terán lugar no auditorio ao aire libre do parque de Santa Margarida durante o mes de xullo, completando así catro xornadas musicais de gran formato.
“Desde o Goberno de Inés Rey apoiamos esta nova iniciativa como unha posibilidade máis para que a cidadanía goce de artistas mundialmente recoñecidos en espazos singulares da Coruña como o parque de Santa Margarida”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Fonsi e El Cigala únense así aos xa anunciados Il Divo e Al Bano e Romina, cuxas entradas están xa á venda.
Luis Fonsi regresa a España neste verán tras o éxito da súa xira 25 Aniversario, coa que xa enchera a praza de María Pita en 2022. O artista volve para emocionar ao público cun espectáculo cargado de enerxía e cun repertorio que inclúe os seus grandes éxitos.
Pola súa banda, Diego el Cigala celebrará o 20 aniversario do disco Lágrimas Negras, gravado co pianista Bebo Valdés. Un álbum que o levou máis alá das fronteiras do flamenco e co que acadou recoñecementos como dous Grammy, o premio World Music da BBC e máis de dous millóns de copias vendidas.
Nesta xira, titulada 20 años de Lágrimas, o artista interpretará temas emblemáticos como Corazón loco, Dos Gardenias ou Historia de un amor, acompañado polo seu pianista habitual Jaime Calabuch “Jumitus”, ademais de contrabaixo e percusión.