Luis López anuncia a aprobación de preto de 5 millóns de euros para avanzar na política social da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres a aprobación de preto de 5 millóns de euros para avanzar na política social do goberno provincial, tras a celebración da Xunta de Goberno.
Segundo explicou, déronse luz verde á contratación do programa +Benestar 2026 e ás bases reguladoras de catro liñas fundamentais: o programa de envellecemento activo Provincia Activa, as axudas para actuacións no ámbito social, as axudas básicas de emerxencia e o Plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios.
“Só poderemos conseguir que esta provincia vaia a máis se garantimos o benestar do conxunto da nosa sociedade, por iso estes recursos son tan importantes para o avance da nosa provincia”, subliñou Luis López.
+Benestar e envellecemento activo
A Deputación aprobou a adxudicación da contratación do programa +Benestar 2026, cun investimento de 222.000 euros. Trátase dun programa de termalismo social dirixido a persoas maiores e pensionistas da provincia, que permitirá ofrecer estadías de 6 días e 5 noites en hoteis con balneario, talaso ou spa, con pensión completa e actividades socioculturais para máis de 2.100 persoas.
A maioría das prazas contarán cunha subvención provincial de 100 euros, mentres que no réxime especial se reservarán 30 prazas cunha axuda de 400 euros. “A meta é promover espazos de encontro que fomenten a independencia dos nosos maiores e eviten situacións de illamento”, destacou o presidente provincial.
No eido do envellecemento activo, a Xunta de Goberno aprobou tamén as bases do programa Provincia Activa, que en 2026 contará cun orzamento de 270.000 euros, o que supón 120.000 euros máis que en 2025. O incremento permitirá pasar de 130 a 160 obradoiros, dirixidos a entidades sen ánimo de lucro de persoas maiores, xubiladas e pensionistas, cun catálogo de actividades relacionadas coa natureza, o deporte, a saúde, a cultura e as competencias dixitais.
Apoio ás entidades sociais e emerxencias
A Deputación incrementa tamén o orzamento das axudas para actuacións no ámbito social, que en 2026 contarán con 600.000 euros, 100.000 máis que no exercicio anterior. Estas axudas permitirán financiar proxectos de inserción laboral e de prestación de servizos sociais dirixidos a persoas en situación de vulnerabilidade, cunha achega de ata o 80% do proxecto e un máximo de 8.000 euros por entidade.
Así mesmo, aprobáronse as bases das axudas básicas de emerxencia, dotadas con arredor de 610.000 euros para concellos de menos de 20.000 habitantes. Preto de 400.000 euros destinaranse a gasto corrente —alimentación, vivenda, facturas, produtos farmacéuticos, odontoloxía ou apoio á infancia—, mentres que uns 210.000 euros financiarán investimentos para melloras en vivendas de persoas vulnerables.
Servizos sociais comunitarios
Por último, a Xunta de Goberno deu luz verde ás bases do Plan de cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios 2026, dotado con preto de 3,1 millóns de euros, tamén dirixido a concellos de menos de 20.000 habitantes. Estes fondos permitirán sufragar as retribucións do persoal auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e cubrir custos do persoal dos servizos sociais comunitarios.