Luis López confirma que o turismo estranxeiro segue a medrar na provincia de Pontevedra, cun incremento en marzo do 9% con respecto ao mesmo mes do 2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou esta mañá os resultados turísticos do mes de marzo, que reflicten un incremento do 9% no número de visitantes internacionais respecto ao mesmo mes do ano pasado. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), preto do 30% dos turistas que visitaron Rías Baixas procedían do estranxeiro, sumando un total de 22.500 persoas.
O presidente destacou que estes datos confirman o éxito da estratexia de internacionalización do destino, baseada na participación en feiras internacionais como Fitur, Londres ou Berlín. Así mesmo, salientou que o turismo é "un dos sectores económicos máis importantes" da provincia e que a aposta pola internacionalización e a desestacionalización "avanza na construción dunha provincia con máis oportunidades".
Ademais, Luis López informou da celebración da primeira Gala de Turismo da historia da Deputación no interior da provincia. Terá lugar o próximo martes, 29 de abril, ás 19:30 horas, no Pazo da Toxeiriña de Moraña, e poderá seguirse en streaming a través da web institucional. A Gala, conducida pola xornalista Rocío Delgado, incluirá a actuación musical de Montedapena e servirá para homenaxear ás empresas da provincia que contan co distintivo de calidade SICTED, nun ano no que se cumpren 20 anos da implantación deste selo en Pontevedra.
A Gala xirará arredor dos eixes e pezas audiovisuais da campaña promocional "Cando volves?", impulsada pola Deputación este 2025, reforzando o compromiso coa calidade, a internacionalización e a desestacionalización como piares fundamentais do desenvolvemento turístico da provincia.