Luis López convida a descubrir a provincia do deporte co Rallymix de Portas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este luns na presentación da quinta edición do Rallymix de Portas, unha proba xa consolidada no calendario do campionato galego de automobilismo que se celebrará esta fin de semana na vila.
Acompañado polo alcalde e deputado provincial Ricardo Martínez, López destacou na bodega Terras de Lantaño que “vivimos na provincia do deporte. En calquera recuncho, en calquera época do ano temos o privilexio de desfrutar dalgunha actividade deportiva. Pero o que máis nos enche de orgullo é que repartimos estes eventos por concellos de toda a provincia”.
O mandatario provincial puxo en valor o papel do Rallymix de Portas, unha cita que cada ano medra en inscricións e público, e que reflicte a estreita relación entre a provincia e o mundo do motor. Salientou ademais que o campionato galego de Rallymix ten un marcado acento pontevedrés, xa que catro das súas probas celébranse en concellos da provincia: Portas, Ribadumia, Cuntis e A Estrada.
López subliñou tamén que a programación de eventos deportivos de gran seguimento é unha forma de colaborar cos concellos, mellorar a calidade de vida da veciñanza e facer fronte ao reto demográfico. “O municipalismo tamén é programar eventos de interese xeral, tanto culturais como deportivos, en todos os concellos. Portas non é unha excepción. Ademais do apoio prestado a través de plans como o +Provincia ou o Plan Extra, colaboramos tamén en citas extraordinarias como o festival Portamérica ou este Rallymix”, explicou.
Finalmente, tras recoñecer o traballo da escudaría Portas Motor, do Concello e das entidades colaboradoras, o presidente provincial reafirmou o compromiso da Deputación co municipio e convidou a toda a afección “a achegarse a Portas esta fin de semana para descubrir a provincia do deporte”.