Luis López destaca a tradición vitivinícola das Neves e a singularidade dos seus tintos na XIX Festa do Tinto Rías Baixas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este mércores na XIX Festa do Viño Tinto Rías Baixas, onde puxo en valor a longa tradición vitivinícola do concello das Neves e destacou a singularidade dos viños tintos da subzona do Condado.
Durante a súa intervención, Luis López salientou que “a viticultura forma parte da identidade e do desenvolvemento rural da nosa provincia” e que eventos como este “axudan a proxectar a calidade e personalidade dos viños do Condado, que teñen un carácter propio e diferenciado no marco da Denominación de Orixe Rías Baixas”.
A Festa do Tinto, organizada polo Concello das Neves, combina a exaltación dos viños coa celebración de actividades gastronómicas, culturais e de lecer, ademais de propostas específicas para público infantil e familiar.
A Deputación de Pontevedra apoia economicamente a cita cunha achega de preto de 13.000 euros a través do programa +Provincia. Ademais, doou 35 camelias co obxectivo de rexenerar espazos públicos e embelecer as 13 parroquias do municipio, nun xesto de compromiso coa sustentabilidade e a identidade local.