Luis López destaca o festival IKFEM como motor para descentralizar a cultura, impulsar o turismo e afrontar o reto demográfico

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou hoxe o festival IKFEM, que se celebra esta semana na eurocidade Tui-Valença, como “un motor para descentralizar a axenda musical da provincia, fomentar o turismo no interior e afrontar o reto demográfico a través da cultura”.
Durante a presentación oficial celebrada na Fortaleza de Valença do Minho, á que asistiu tamén o deputado de Cultura Jorge Cubela, puidéronse escoitar os primeiros ensaios do artista Antonio Orozco, que compartiu escenario con Rita Rocha. López puxo en valor o papel da directora do festival, Andrea González, e animou a toda a cidadanía “a achegarse esta semana a Tui e Valença para desfrutar dunha música de primeira”.
Na súa intervención, o presidente sinalou que “o río Miño non é unha fronteira, senón unha ponte que nos une e fai desta eurorrexión un destino cultural atractivo e competitivo”. Subliñou que proxectos como IKFEM “construen unha rexión sen fronteiras, rica en cultura e vangarda artística”, e consolidan a Tui-Valença como epicentro da creación musical na Península.
A 13ª edición do IKFEM comeza este mércores e celebrarase ata o 20 de xullo, con actuacións de artistas como Antonio Orozco, James Rhodes, Rita Rocha, Milhanas ou Fillas de Cassandra, en escenarios principais situados na Alameda de Tui e na Fortaleza de Valença do Minho.
Luis López reivindicou a cultura como motor de cohesión territorial, asegurando que “non só as grandes infraestruturas permiten avanzar en calidade de vida: a cultura tamén é clave para o equilibrio social”. Por iso, a Deputación aposta por ser socio estratéxico de IKFEM e outros eventos culturais que tamén dinamizan o turismo e a economía local.