Luis López destaca o impacto da Rapa das Bestas de Sabucedo na conservación, no turismo e na economía local

O presidente da Deputación de Pontevedra sinala que esta festa de interese turístico internacional fortalece os vínculos coa terra, promove o turismo e dinamiza o rural.
Sabucedo
3 Jul 2025

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo en valor a Rapa das Bestas de Sabucedo como unha celebración “singular e propia” que fortalece os lazos coa terra, preserva os ecosistemas, dinamiza a vida social e económica do rural e promove o turismo. Declarada festa de interese turístico internacional, celébrase do 5 ao 8 de xullo na Estrada.

Durante o acto de presentación no curro de Sabucedo, destacou que “o verán en Galicia non se entendería sen esta cita”, agradecendo o traballo da Asociación Rapa das Bestas, organizadora do evento, e da veciñanza implicada durante todo o ano.

O presidente lembrou tamén o convenio entre Deputación e Concello da Estrada para a renaturalización da Carballeira do Campo Medio cun investimento de 124.000 euros, no marco do Plan de Sustentabilidade Turística do Deza.

Subliñou o carácter ecolóxico da festa, que contribúe á saúde dos cabalos en liberdade, á prevención de incendios e á conservación do monte. Ademais, remarcou o seu impacto como motor económico e turístico da provincia.

⚙ Configurar cookies
0.2596480846405