Luis López destaca o impacto do Festival de Cans na proxección cultural e turística das Rías Baixas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou esta mañá o impacto dos festivais audiovisuais que se celebran na provincia, como o de Cans, na configuración das Rías Baixas como “unha potencia cultural” e un destino turístico sostible e descentralizado. Así o afirmou durante a presentación da 22ª edición do Festival de Cans, acompañado polos deputados Jorge Cubela e Alejandro Lorenzo.
“O Festival de Cans vai no espírito que estamos a promover desde a Deputación: un paraíso natural ligado á cultura os 365 días do ano”, sinalou López. O certame celebrarase do 20 ao 24 de maio no Porriño, e volverá reunir a creadoras, cineastas, amantes do cinema e público nunha proposta que combina curtametraxes, documentais, videoclips, encontros profesionais, música en directo e tradición.
O festival forma parte da marca Rías Baixas Film Fest, patrocinada pola Deputación cunha achega total de 170.000 euros, dos que máis de 33.500 se destinan ao evento de Cans. López destacou que o apoio a este tipo de citas responde á vontade de descentralizar a cultura e achegala a todos os concellos, así como de reforzar a imaxe das Rías Baixas como destino de referencia. “Somos unha potencia natural e de atención ao visitante, e grazas a festivais coma este somos unha provincia máis atractiva e xusta”, apuntou.
O mandatario provincial fixo fincapé na importancia do sector audiovisual como escaparate exterior para a provincia, tanto pola súa capacidade de atraer rodaxes como polo impulso ao talento local e ao turismo cultural.
Finalmente, convidou a toda a cidadanía a achegarse a Cans: “Se proban, van repetir e non o esquecerán nunca”.