Luis López destaca o Revenidas como un dos festivais que consolidan as Rías Baixas como destino turístico líder

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o festival Revenidas, que se celebrará en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) do 11 ao 14 de setembro, como unha das propostas de calidade que consolidan ás Rías Baixas como destino turístico preferente do noroeste peninsular.
López participou na presentación do evento acompañado pola directora de Turismo da Deputación, Romina Fernández, e salientou a utilidade dos Rías Baixas Fest para dinamizar a economía local, diversificar a oferta cultural e descentralizar a actividade turística.
O Revenidas converterase durante catro xornadas nun referente cultural e musical, cun cartel que inclúe grupos galegos de prestixio como The Rapants, Sés, Baiuca, Mondra ou Heredeiros da Crus. Ademais da música, a gastronomía tamén terá un papel protagonista coa celebración da Sardiñada Turismo Rías Baixas, organizada por primeira vez pola Deputación, o domingo 14 de setembro a partir das 13.30 horas. Esta degustación popular servirá como colofón ao festival.
O mandatario provincial puxo en valor que, con este evento, xa son cinco os festivais celebrados en 2025 baixo a marca Rías Baixas Fest, e lembrou que a programación continuará en novembro co Underfest Xacobeo de Vigo. “Se as Rías Baixas están de moda, gran parte da responsabilidade témola nas persoas que organizan estes festivais”, concluíu López, quen convidou á cidadanía a achegarse a Vilaxoán para gozar da música e do ambiente festivo.