Luis López destaca o Sinsal como emblema dos Rías Baixas Fest pola súa paisaxe, diversidade musical e compromiso cultural

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou este mércores que a mestura entre a paisaxe única da Illa de San Simón, a diversidade musical e a oferta cultural converten o festival Sinsal nun emblema dos Rías Baixas Fest. Así o manifestou durante a súa visita ao espazo no que se celebrará esta nova edición, entre o venres 25 e o domingo 27 de xullo, acompañado polos deputados provinciais Jorge Cubela e Sandra Bastos.
O festival acollerá máis de 30 formacións procedentes de África, América Latina, Asia e Europa, nun cartel segredo que só será revelado ao público cando chegue á illa. López subliñou que esta será a edición número 23 dun evento que se consolidou como referente pola súa aposta pola sustentabilidade ambiental, recoñecida con premios nacionais, e pola valorización da diversidade paisaxística e cultural das Rías Baixas.
Ademais dos concertos, cun total de 36 actuacións en directo e sesións musicais, o festival ofrecerá exposicións, mostras de memoria sonora, propostas gastronómicas e roteiros pola Illa de San Simón, declarada Ben de Interese Cultural (BIC). Entre as bandas participantes, 17 nunca actuaran antes en Galicia.
López destacou tamén o papel dos Rías Baixas Fest como “a banda sonora do verán”, poñendo en valor a súa capacidade para atraer visitantes e difundir a riqueza natural e cultural da provincia. Este ano, a Deputación incrementou nun 20 % o orzamento destinado a esta marca, ata os 340.000 euros, para apoiar seis festivais: Portamérica (Portas), SonRías (Bueu), Sinsal (Redondela), Atlantic Fest (Vilagarcía), Revenidas (Vilagarcía) e Underfest Xacobeo (Vigo).