Luis López destaca que Aquafuture Spain sitúa a Vigo na vangarda mundial da acuicultura e a xestión da auga

No acto de apertura da terceira edición de Aquafuture Spain —o Salón Internacional da Industria Acuícola—, que este ano trasládase ao Ifevi de Vigo logo de dúas edicións en Silleda, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reivindicou o papel da cidade como “capital europea da pesca” e como referencia global na investigación, innovación e xestión sustentable dos recursos acuáticos.
Acompañado pola vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, López puxo en valor que este congreso bianual reúne até o 22 de maio a máis de 210 expositores de 26 países, consolidando a provincia e a súa industria pesqueira como motores económicos, turísticos e culturais. “Por traer aquí os retos da acuicultura e compartir as mellores prácticas de sustentabilidade, seredes os mellores embaixadores de Vigo e das Rías Baixas”, subliñou.
Entre as novidades, a Deputación patrocina unha aula de formación que acollerá mesas de traballo e conferencias sobre acuicultura intelixente, economía azul, alimentación sostible e proxectos de investigación. “Non queremos só ser anfitrións, tamén cómpre intervir e aportar solucións aos desafíos do sector”, afirmou o presidente.
O traslado do evento a Vigo reforza a aposta polo destino turístico e a proxección internacional da cidade, que enfronta este simposio con “orgullo e compromiso” para seguir avanzando nun sector estratéxico que xera emprego e riqueza en toda a comarca.