Luis López presenta un orzamento provincial de 261,8 millóns para 2027

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este luns no Parlamento de Galicia o proxecto de orzamentos da institución provincial para 2027, que ascende a 261,8 millóns de euros, un 10 % máis que no exercicio anterior. Na súa comparecencia ante a Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos, López destacou o compromiso da Deputación co financiamento dos concellos e asegurou que, ao longo do mandato, se mobilizaron máis de 325 millóns de euros a través de plans ordinarios e extraordinarios de investimento.
Trátase da cuarta comparecencia consecutiva do presidente provincial na Cámara galega para dar conta das contas da institución. López aproveitou a intervención para reivindicar a estabilidade do goberno provincial, que aprobou catro orzamentos en catro anos, así como a transparencia na súa tramitación e a colaboración coas distintas administracións. Tamén lembrou que a Deputación saldou os 25 millóns de euros de débeda herdados e acumula dous exercicios sen débeda.
A cooperación cos 61 concellos da provincia volverá ser unha das principais prioridades do orzamento. Case 82 millóns de euros, un 8 % máis que no exercicio anterior, destinaranse a este ámbito, o que supón reservar un de cada tres euros das contas provinciais ao investimento nos municipios.
A esta partida súmanse os recursos doutros programas xa aprobados, como os catro Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas, dotados con 28 millóns de euros; os dous Plans Extra, con 73 millóns; o Vía Depo, con oito millóns, e o Espazo Depo, con 20 millóns. Segundo explicou López, o conxunto destas iniciativas eleva por riba dos 325 millóns de euros o compromiso inversor cos concellos durante o mandato.
O presidente tamén destacou o reforzo do Servizo de Asistencia Intermunicipal, cuxo orzamento medrará un 10 % en 2027, ata os 4,2 millóns de euros, así como os recursos destinados ao Servizo de Axuda no Fogar, que roldan os 3,5 millóns e aumentarán no próximo exercicio.
Durante a súa intervención, Luis López insistiu en que a Deputación mantén unha política de cooperación con todos os municipios, independentemente do seu tamaño ou da súa cor política. Neste sentido, reivindicou os investimentos previstos nas dúas grandes cidades da provincia. Vigo contará cunha reserva de cinco millóns de euros para convenios de colaboración, que se suman a actuacións que elevan o investimento total ata os 67 millóns. Entre elas figuran as obras no estadio de Balaídos, a recuperación do Cine Fraga, a captación de rutas para Peinador e diferentes intervencións en Teis, Finca Matías, San Roque e na estrada do Calvario.
En Pontevedra, a Deputación reserva 2,5 millóns para convenios, aos que se engaden investimentos por valor de 43 millóns de euros. Estes fondos permitirán impulsar proxectos como a vía verde entre Arcade e a cidade, a apertura dos xardíns de Santa Clara, a renovación do céspede do estadio de Pasarón, a Bienal de Arte de 2027, a reforma de Príncipe Felipe e as obras na estrada de Salcedo.
O orzamento tamén reforza outras áreas consideradas estratéxicas polo goberno provincial. O deporte contará con 11,2 millóns de euros, unha cifra que supón un incremento do 139 % respecto a 2023 e que permitirá manter as axudas a deportistas e clubs, ademais de impulsar a organización de grandes eventos.
Pola súa banda, o turismo sustentable disporá de 9,3 millóns de euros, un 70 % máis que ao comezo do mandato, para seguir promovendo os atractivos das Rías Baixas, entre eles os festivais, as festas de interese turístico e a gastronomía. A cultura tamén incrementa os seus recursos un 63 % desde 2023 e manterá programas de difusión da música, o teatro e a literatura por toda a provincia.
Outra das partidas destacadas é a de Acción Comunitaria, un servizo creado polo actual goberno provincial que contará con catro millóns de euros en 2027, un 20 % máis. A través desta área, a Deputación continuará apoiando o movemento veciñal e iniciativas como o programa +Aqua, que, segundo o presidente, está a espertar o interese da Unión Europea.
En materia de infraestruturas, a partida destinada á conservación e mellora dos 1.600 quilómetros da rede viaria provincial superará os 40 millóns de euros. López asegurou que este investimento duplica os recursos destinados a esta finalidade polo goberno anterior.
Na parte final da comparecencia, o presidente fixo balance dos catro anos de mandato e destacou a mobilización de 600 millóns de euros e a execución de máis de 2.000 obras, así como o apoio a máis de 600 iniciativas sociais. Tamén puxo en valor a colaboración con asociacións veciñais e de mulleres rurais, comunidades de augas, confrarías de pescadores, cooperativas, entidades culturais e empresariais, clubs deportivos e agrupacións de protección civil, entre outros colectivos.
López pechou a súa intervención reivindicando unha Deputación próxima aos municipios, colaboradora e aberta ao diálogo. Como mostra desa actividade, sinalou que o goberno provincial realizou máis de 620 visitas aos concellos e participou en máis de 7.100 actos durante o mandato. Ademais, asegurou que todos os alcaldes da provincia mantiveron polo menos unha reunión institucional con el e defendeu a vontade de cooperación tanto coa Xunta de Galicia como co resto das administracións.