Luis López reafirma en Rodeiro o apoio da Deputación ao sector gandeiro como parte da súa aposta polo desenvolvemento integral do rural

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirmou este domingo en Rodeiro o apoio da institución provincial ao sector gandeiro, que cualificou como “parte fundamental da aposta polo desenvolvemento integral do rural da provincia”. Fíxoo durante a celebración da Feira da Rubia Galega do País, que celebrou a súa décimo cuarta edición no recinto feiral da parroquia de Río.
López salientou que, mentres o rural galego “teña xente tan traballadora como vós, sempre vai ter futuro”, e comprometeuse a “igualar a aposta que facedes cada día desde as vosas explotacións”.
O presidente lembrou que o goberno provincial incrementou este ano en 100.000 euros o orzamento do programa de axudas ás cooperativas agrogandeiras, ata acadar os 350.000 euros, o maior apoio da historia da Deputación a este sector. Boa parte destas cooperativas —subliñou— están situadas na comarca do Deza, unha das zonas con maior tradición gandeira da provincia.
Ademais, López puxo en valor o papel de Finca Mouriscade como “granxa e laboratorio de referencia” para impulsar a competitividade das explotacións e destacou a colaboración da Deputación en feiras gandeiras como a de Rodeiro, Silleda ou Lalín.
O mandatario provincial defendeu que a aposta polo rural vai “moito máis alá do sector primario”, lembrando iniciativas en turismo, cultura, deporte e infraestruturas. Entre elas, a campaña de promoción turística enfocada no interior da provincia, o apoio a grandes eventos culturais como a entrega dos Premios Mestre Mateo en Lalín, o impulso a rodaxes como O segredo das vacas ou os circuítos culturais +Escénicas e +Música, que achegan espectáculos a concellos medianos e pequenos.
Tamén destacou o esforzo en infraestruturas deportivas e servizos municipais, con programas como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, o Plan Extra e o +Provincia, que buscan mellorar a calidade de vida da veciñanza rural.
Finalmente, Luis López quixo recoñecer o labor diario dos gandeiros e gandeiras da provincia: “Coñezo de primeira man o voso esforzo, os madrugóns e a entrega dun oficio que non entende de festivos. Eu, como fillo de gandeiros, síntome orgulloso dun sector que é motor económico, de benestar e de sustentabilidade para a nosa provincia”.