Luis López salienta a proposta de natureza, gastronomía e cultura do Atlantic Fest, “unha referencia do verán nas Rías Baixas”

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou que o Atlantic Fest vai máis alá da música e sitúa ao Salnés como capital cultural, xerando economía, emprego e turismo na provincia.
aTLANTIC fEST
17 Jul 2025

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinalou o Atlantic Fest, un dos seis festivais enmarcados nos Rías Baixas Fest, como “unha das referencias do verán nas Rías Baixas”. Así o afirmou esta mañá na praia da Concha de Vilagarcía durante a presentación do evento, acompañado pola directora de Turismo da Deputación, Romina Fernández.

“O Atlantic Fest é moito máis ca un fin de semana de música por todo o que xera desde o punto de vista económico, de emprego e por todo o impulso que lle dá a esta comarca. Ademais, resume á perfección o modelo Rías Baixas: natureza, cultura e gastronomía”, afirmou.

O festival, que se celebrará do 18 ao 20 de xullo, terá lugar na contorna natural da praia da Concha e contará con concertos de artistas como Xoel López, Zahara, Lori Meyers ou Los Planetas. Ademais, haberá un espazo gastronómico e unha zona infantil promovida pola Deputación, que na pasada edición acolleu a máis de 800 familias.

“O Atlantic Fest sitúa á comarca do Salnés como capital da cultura e fai que a provincia sexa un referente a nivel nacional”, engadiu López, quen destacou tamén a importancia da descentralización da oferta cultural na provincia.

Os Rías Baixas Fest son, segundo o presidente, a banda sonora do verán na provincia, un modelo turístico baseado na sustentabilidade e na calidade dos seus eventos. “Sobran os motivos para achegarse esta fin de semana á praia da Concha para desfrutar do Atlantic Fest”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.26363706588745