Luis López salienta os 7,55 millóns de euros mobilizados polo Plan Extra nos concellos do Deza, Tabeirós e Terra de Montes

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salientou os 7,55 millóns de euros mobilizados este ano a través do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra nos concellos das comarcas do Deza, Tabeirós e Terra de Montes.
O mandatario provincial pechou no auditorio de Vilatuxe, en Lalín, a rolda de encontros comarcais iniciada en Moraña e continuada no Porriño, A Guarda, Cangas do Morrazo, Mondariz, Vilagarcía e Ponte Caldelas, para facer balance dos proxectos impulsados na primeira convocatoria deste programa extraordinario.
Dotado con 38 millóns de euros, o Plan Extra atendeu o 100 % das solicitudes presentadas, beneficiando aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. “Este proxecto é moito máis ca un simple plan extraordinario de investimentos; é un proxecto de provincia no que os concellos achegan as ideas e a Deputación os recursos para executalas, moitas delas ao 100 %”, destacou Luis López.
Diante de alcaldes, concelleiras e representantes do tecido veciñal dos concellos de Lalín, Agolada, Dozón, Forcarei, A Estrada, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces, López puxo en valor o carácter estratéxico e transformador dos proxectos, así como a lealdade institucional da Deputación ao respectar a autonomía municipal. “Co Plan Extra a autonomía dos concellos acada unha nova dimensión”, subliñou.
Entre os proxectos destacados figura a ampliación do auditorio de Vilatuxe, cun investimento provincial de 1,1 millóns de euros; a humanización da Praza de Galicia da Estrada, con 800.000 euros da Deputación; ou a creación dun centro de día e punto de atención á infancia en Rodeiro, cunha achega de 500.000 euros.
Noutros casos, a Deputación financia o 100 % das actuacións, combinando fondos do Plan Extra e do +Provincia, como ocorre en Agolada, Dozón, Forcarei, Silleda ou Vila de Cruces. En total, o organismo provincial achega 5,85 millóns de euros aos 7,55 millóns investidos nestas comarcas.
Luis López confirmou que a segunda convocatoria do Plan Extra volveu ser un éxito de participación e adiantou que estes concellos presentaron sete novos proxectos por valor de 8,17 millóns de euros, xa en fase de avaliación.
O presidente provincial destacou tamén o compromiso da Deputación cos concellos do rural para mellorar infraestruturas, servizos e calidade de vida, lembrando que en 2026 se mobilizarán 128 millóns de euros a través dos plans de cooperación municipal. “Esta é unha provincia de 61 concellos cos que estamos comprometidos con toda a forza da que dispoñemos”, concluíu.